O humor tradicional regresa a Vilamartín Pequeno da man de Avelino González

AMariñaXa
O programa “A Voltas cos Contos” continúa o seu percorrido polas parroquias de Barreiros cunha sesión de monólogos inspirados na tradición oral
teatro mascara
3 Jul 2025

Este domingo 6 de xullo, a parroquia de Vilamartín Pequeno acollerá unha nova cita do ciclo cultural “A Voltas cos Contos”, impulsado polo Concello de Barreiros co propósito de achegar espectáculos culturais ás zonas do interior do municipio. Nesta ocasión, será o actor e monologuista Avelino González quen se encargue de facer rir ao público cunha proposta baseada en contos populares reinterpretados con humor actual.

Baixo o título “Chistes que foron contos”, o artista compostelán ofrecerá unha actuación na que combina a tradición oral galega con retranca e ironía. “Mudaron as formas pero non o fondo. Trátase de entreter e facer rir. Son contos sacados da tradición que foron cambiando e actualizándose e son... moi modernos!”, explica o propio González. “Por iso mola contalos hoxe, porque son bos. E así seguimos rindo unha risa que se vén rindo hai moito tempo”.

A cita terá lugar ás 19:00 horas na antiga escola de Vilamartín Pequeno, e está pensada para todos os públicos. Desde o Concello de Barreiros animan á veciñanza a participar desta actividade que, ademais de dinamizar a vida cultural das parroquias, contribúe a manter vivo o patrimonio inmaterial e a tradición oral con enfoques renovados.

O programa “A Voltas cos Contos” forma parte do circuíto Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia, e conta tamén co apoio do Plan Único da Deputación de Lugo.

teatro veran fondo nois
⚙ Configurar cookies
0.16543102264404