O HULA rende homenaxe a máis de 200 profesionais sanitarios xubilados en 2025

O salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti acolleu un acto de recoñecemento aos profesionais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que se xubilaron ao longo do ano 2025, nunha homenaxe que puxo en valor a súa dedicación e compromiso ao longo das súas traxectorias.
Durante o evento, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, destacou a implicación cos pacientes dos 210 profesionais homenaxeados, subliñando especialmente a súa proximidade e capacidade de adaptación para dar resposta ás necesidades de cada persoa. Pola súa banda, o xerente da área sanitaria luguesa, Ramón Ares, incidiu na relevancia do capital humano como elemento esencial para garantir a calidade da atención no sistema sanitario público.
Sofía López, que tamén lembrou a súa etapa como médica de familia na propia área sanitaria e na cidade de Lugo, fixo un repaso polos avances acadados nos últimos anos. Neste sentido, puxo en valor melloras como a atención ás persoas maiores ou a posta en marcha da primeira Neuroescola de Galicia e a segunda de España, situando á comunidade á vangarda no tratamento da epilepsia.
A responsable autonómica quixo recoñecer de maneira expresa o papel do persoal sanitario nos progresos do sistema, asegurando que “detrás de cada avance, de cada mellora e de cada logro, sempre estades vós”. Ademais, definiu a sanidade pública como “un gran patrimonio colectivo” que se sustenta fundamentalmente no esforzo e na dedicación das persoas que a fan posible cada día.