O Hospital da Mariña reforza Cardioloxía e incrementa os seus servizos con máis persoal e infraestrutura

O Hospital da Mariña continúa a consolidarse como un centro de referencia asistencial no norte de Lugo. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou este mércores no Parlamento galego que no mes de xullo o Servizo Galego de Saúde realizará un novo reforzo no servizo de Cardioloxía do centro hospitalario mariñán, co que se prevé atender arredor de 180 pacientes adicionais, sumando así 480 atencións desde o mes de xuño.
O titular de Sanidade explicou que actualmente profesionais dos hospitais de Lugo e Monforte desprazan regularmente persoal ao Hospital da Mariña para apoiar tanto nas gardas como nas consultas, dentro dunha estrutura asistencial integrada que permite repartir recursos entre centros segundo as necesidades.
Este modelo de traballo en rede, que segundo Caamaño garante a equidade e facilita o acceso a servizos complexos mesmo nos hospitais comarcais, permitiu que só nos primeiros días de xuño se atendesen máis de 300 persoas en Cardioloxía na Mariña.
O conselleiro lembrou que xa se incorporaron cinco novos especialistas e que se está a piques de resolver un concurso para cubrir outras 17 prazas, o que permitirá seguir incrementando o cadro de persoal dun hospital que sumou 154 novos profesionais desde 2010, case un 30 % máis.
Non obstante, tamén advertiu que a dificultade para cubrir certos postos responde á falta de médicos en especialidades concretas, un problema de ámbito estatal que, dixo, require unha resposta do Goberno central, único competente en materia de formación e distribución de prazas MIR.
Gómez Caamaño destacou ademais o crecemento dos servizos asistenciais no hospital, onde xa se dispoñen áreas como oncohematoloxía, resonancia magnética fixa, hospitalización a domicilio e unha segunda sala de endoscopias. Tamén puxo en valor o aumento da superficie hospitalaria en máis de 6.000 m², cun investimento de 20 millóns de euros que fixo posible a construción de novos edificios para consultas externas e hospitalización.
Na súa intervención, puxo especial énfase na aposta pola atención primaria, asegurando que non se amortizou ningunha praza, nin sequera nos concellos con poucas tarxetas sanitarias. Pola contra, nos máis poboados reforzouse o persoal, como é o caso do PAC de Viveiro, que dispón agora de dous equipos todos os días.
A maiores, destacou que a veciñanza da Mariña conta xa con servizo de nutricionista e atención a domicilio en zonas rurais, iniciativas que amosan o compromiso da Xunta cunha sanidade de proximidade, adaptada ao territorio.
O conselleiro rematou subliñando que a renovación das infraestruturas, a mellora das condicións laborais do persoal e os reforzos en servizos son sinais claras do compromiso do Goberno galego coa calidade asistencial da Mariña, tanto en primaria como en hospitalaria.