O Guioncho recobra vida coa colaboración veciñal en Lieiro

A emblemática Fonte do Guioncho, situada na parroquia de Lieiro, recuperou parte do seu esplendor grazas a unha acción conxunta entre o Concello de Cervo e a Asociación Cultural Comisión de Festas Santa Isabel. A intervención enmárcase no Plan Acción de Alcoa e centrouse na limpeza e acondicionamento do espazo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ao lugar para participar persoalmente nos traballos, destacando a importancia deste tipo de actuacións que “permiten recuperar espazos singulares que forman parte da nosa identidade colectiva”. Durante a xornada, a rexedora expresou o seu agradecemento pola implicación do tecido asociativo local, ao tempo que puxo en valor o esforzo compartido por manter e coidar o patrimonio común.
Desde o Concello subliñaron a vontade de continuar impulsando iniciativas que promovan a conservación de enclaves históricos e naturais do municipio, sempre da man da veciñanza e das entidades sociais. “A cooperación é fundamental para manter vivo o noso entorno e para transmitir ás novas xeracións o valor do que herdamos”, sinalou García Caramés.
A Fonte do Guioncho, ademais do seu valor patrimonial, é un espazo moi querido polos veciños de Lieiro, polo que a súa posta a punto foi recibida con entusiasmo pola comunidade local.