O Grupo Provincial Popular leva a súa actividade a Xove para coñecer iniciativas sociais e empresariais

AMariñaXa
Os deputados destacan o potencial da Mariña e apostan por achegar o seu traballo a todo o territorio da provincia
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
17 Mar 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular continuaron coa súa estratexia de descentralización das reunións de traballo cunha nova xornada en Xove, onde mantiveron encontros con entidades sociais e representantes do tecido empresarial da comarca.

Durante a visita, os membros do grupo popular desenvolveron diversas xuntanzas co obxectivo de coñecer de primeira man os proxectos que se están a impulsar no municipio e analizar as súas necesidades e retos actuais. Ademais, tiveron a oportunidade de achegarse a unha iniciativa empresarial da zona, na que puideron comprobar directamente o seu funcionamento e o seu impacto na economía local.

O voceiro provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, explicou que este tipo de desprazamentos forman parte dunha liña de traballo que busca levar a actividade política máis alá da capital da provincia. Segundo indicou, o propósito é “percorrer o territorio para poñer en valor as potencialidades de Lugo e dar visibilidade a iniciativas que contribúen ao seu desenvolvemento”.

Ameijide incidiu na importancia de manter un contacto directo co tecido social e económico, destacando que existen numerosos proxectos que están a xerar oportunidades nos distintos concellos. Neste sentido, subliñou que resulta fundamental escoitar ás persoas e entidades implicadas, así como apoiar o seu labor.

Pola súa banda, o alcalde de Xove e tamén deputado provincial, Demetrio Salgueiro, puxo o foco nas iniciativas de carácter social que se están desenvolvendo no municipio. Segundo explicou, estes proxectos teñen un papel relevante na mellora dos servizos e na atención ás necesidades da veciñanza, ao tempo que contribúen a fixar poboación na comarca.

Salgueiro destacou tamén o potencial da comarca da Mariña, sinalando que é necesario apoiar tanto as iniciativas sociais como os proxectos empresariais que apostan por desenvolver a súa actividade no territorio.

Con esta visita, o Grupo Provincial Popular reafirma o seu compromiso de seguir impulsando un modelo de provincia baseado na xeración de oportunidades en todos os concellos. “Lugo conta con múltiples recursos e iniciativas que merecen ser recoñecidas, e queremos actuar como altofalante de todo o que se fai ben no conxunto do territorio”, concluíu Ameijide.

0.09960412979126