O Grupo Popular pide no Parlamento que Costas do Estado rexenere a praia de Fomento no Vicedo
O Grupo Parlamentario Popular vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno do Estado, máis en concreto á demarcación de Costas do Estado, a levar a cabo a rexeneración da praia de Fomento, no municipio lucense de O Vicedo.
O obxectivo desta iniciativa é o de recuperar a calidade deste areal natural en coherencia con actuacións similares que a Administración central, competente nese espazo, executa noutros puntos da costa lucense. Na súa proposta, o Grupo Popular advirten que esta praia, moi próxima ao núcleo urbano, situada entre o porto e antigo varadoiro, presenta na actualidade un estado de conservación “deficiente”, motivado polas propias dinámicas naturais e pola presenza de moitas algas que cobren a práctica totalidade do ano a zona do areal e a zona de baño, “sen que a normativa vixente permita a súa retirada”.
COMPROBACIÓN. O deputado, José Manuel Balseiro, comprobou co alcalde do Vicedo, Jesús Nov, a situación deste areal. Ambos coinciden en sinalar que sería moi conveniente que se destinen os recursos necesarios para acometer este proxecto que tecnicamente é viable, segundo apuntan os expertos, cunha actuación de rexeneración que implicaría a achega de nova area.
O deputado sinala tamén que a iniciativa serviría como complemento do proxecto impulsado desde o propio Goberno local para construír un paseo marítimo que unirá o antigo varadoiro e os Castelos co paseo xa existente de Moledos, “contribuíndo a poñer en valor este enclave”.