O Grupo Humorístico Trípode levará a Celeiro de Mariñaos a súa obra "A Presa"
O Grupo Humorístico Trípode levará a escena a súa obra titulada "A Presa" o próximo sábado, 18 de xaneiro, en Celeiro de Mariñaos, parroquia pertencente ao concello de Barreiros.
A representación terá lugar na antiga escola da parroquia, ás 20.00 horas, e forma parte dunha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños de Celeiro de Mariñaos, que convidou ao grupo teatral a actuar na comunidade.
Desde Trípode Teatro anuncian con entusiasmo que “visitaremos esta fermosa parroquia o sábado 18 de xaneiro para interpretar a nosa última obra, A Presa. No escenario estarán personaxes tan queridos como Melisa e Pitágoras, Pepita e Formigón, Amancio e Balbina, Greta e Bonifacio, e a francesa Françoise, todos eles acompañados pola nosa técnica de son, Rocío. Estamos desexando pasar unha fermosa tarde de teatro en compañía de amigos e veciños. É unha excelente oportunidade para desfrutar, rir e compartir bos momentos. Agradecemos de corazón á Asociación de Veciños de Celeiro de Mariñaos por esta invitación”.
Esta é unha oportunidade perfecta para os amantes do teatro e o humor, que poderán gozar dunha obra cargada de diversión e creatividade.