Os grupos de participación xuvenil de Viveiro e Burela participaron nun encontro no Carballiño
O Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro e do Burela participaron no 3º Encontro de Participación Infantil e Xuvenil no Carballiño.
No encontro tratáronse diversos temas de actualidade relacionados coa infancia e a mocidade, e en particular co tratamento e prevención da violencia contra a infancia.
A rapazada burelá participou dunha serie de xogos, dinámicas, actividades artísticas e charlas ao longo da fin de semana, nas que compartiron vivencias con espazos similares procedentes de concellos de toda Galicia.
Como resultado deste encontro, extraéronse conclusións valiosas que serán presentadas no Parlamento de Galicia o próximo 28 de novembro. Os mozos representantes dos distintos concellos acudirán para expoñer ante os representantes políticos as súas necesidades en áreas fundamentais das súas vidas. A portavoz do Concello de Viveiro será Candela.
“A idea de escoitar aos nenos e nenas como guías é fundamental para construír un entorno máis amigable e seguro para eles. Por iso, proxéctase, para o ano 2024, a expansión do grupo de participación xuvenil en Viveiro creando un grupo infantil, un espazo onde tamén poidan participar as familias en algún momento”, engade a concelleira de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega.
A sesión de clausura do evento contou coa presencia da presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito Cociña, e do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey Sastre.
Na provincia de Lugo, Viveiro e Burela son pioneiros na creación de grupos de participación xuvenil. “Animamos a outros concellos a sumarse a esta iniciativa, xa que é crucial tecer redes nas comunidades e entre os propios concellos para fomentar lugares seguros para os nosos menores”, remata.