O Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro desenvolve charlas informativas nos centros do municipio

AMariñaXa
O Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro desenvolveu a semana do 29 de abril ao 3 de maio charlas informativas nos colexios públicos do municipio: CEIP de Covas, Ceip Santa Rita de Galdo, Ceip de Celeiro e Cep Lois Tobío.
grupo de Participación Xuvenil viveiro
7 Maio 2024

O Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro desenvolveu a semana do 29 de abril ao 3 de maio charlas informativas nos colexios públicos do municipio: CEIP de Covas, Ceip Santa Rita de Galdo, Ceip de Celeiro e Cep Lois Tobío. As charlas tiveron o obxectivo de dar a coñecer a súa experiencia e animaron aos nenos e nenas a participar integrándose no grupo infantil, no que unha persoa dinamizadora os guiará e acompañará mediante xogos, dinámicas e saídas que se organicen e decidan, sempre a proposta ou por iniciativa dos propios participantes.

“Dentro da iniciativa Cidades Amigas da Infancia, Viveiro, como cidade candidata, aposta pola participación infantil e xuvenil co obxectivo de ter en conta as súas opinións, necesidades e prioridades na vida pública municipal”, asegura a alcaldesa, María Loureiro. Dende setembro do 2021 funciona o Grupo Municipal de Participación Xuvenil, integrado por arredor de 12 mozas e mozos.

Estase traballando na ampliación da iniciativa á poboación infantil, polo que convídase ás familias a ampliar a información sobre o programa, resolvendo dúbidas no mail informacion.xuvenil@viveiro.es ou presencialmente no Concello de Viveiro, na Oficina de Información Xuvenil.

0.098353147506714