O Grupo de Participación Adolescente de Burela expuxo as súas propostas
As propostas sobre a Casa da Xuventude, deportes, igualdade, espazos públicos e o propio grupo de participación centraron este novo encontro.
A sala de plenos da Casa do Concello de Burela acolleu unha nova xuntanza do grupo de participación xuvenil co equipo de goberno de Burela e os técnicos municipais co fin de debullar e trazas as liñas de actuación para os vindeiros meses.
Nun espazo aberto ás propostas e o debate, ao que asistiu o alcalde de Burela, Alfredo Llano, tanto persoal municipal como político estableceron unha conversa coas representantes do grupo de participación escoitando as súas propostas, demandas e necesidades.
As propostas do grupo xiraron entorno a cinco aspectos fundamentais: deportes, obradoiros, igualdade, espazos públicos e grupo de participación, con ideas que foron desde realizar zumba na praia, incluír 3x3 de fútbol, promover obradoiros de prevención de drogas ou formación de educadores, ata realizar iniciativas feministas na rúa, obradoiros de novas masculinidades ou incrementar o mantemento e coidado dalgúns espazos. A propia dinámica do grupo de participación tamén ocupou un oco na conversa, propoñendo a formación doutro grupo para nenas e nenos de primaria, aumentando a participación e a frecuencia dos encontros.
Todas as iniciativas trasladadas nas últimas semanas polos servizos municipais a este grupo de traballo tamén se puxeron sobre a mesa, obtendo a meirande parte o seu apoio e priorizando as actuacións que consideran de máis interese, incidindo por exemplo na protección da infancia, o fomento da autonomía e do pensamento crítico, a protección do medio ambiente coa limpeza das praias, ou a Festa sen alcohol, unha idea que pretende amosar unha realidade fóra do consumo de bebidas alcohólicas como punto esencial do lecer de calidade.
Desde o grupo de participación tamén fixeron un plan para a súa “Casa da Xuventude ideal” dándolle un maior aproveitamento, con novos xogos como o billar ou máis enchufes, no seu caso.
Tanto os edís como o persoal técnico puxeron en común todas as ideas e comprometéronse a estudalas, “sabendo que algunhas delas son de fácil aplicación e outras requiren de máis tempo”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López. Así, engadiu a satisfacción do equipo de goberno “con toda a implicación tanto dos traballadores e traballadoras do concello como das rapazas e rapaces, que están a traballar moito neste proxecto participativo, permitíndonos enfocar as políticas municipais en base ás necesidades da poboación infantil e xuvenil”.