O debut no día de Reis do grupo das Milicrocas de Airiños do Xunco

AMariñaXa
O grupo infantil desta asociación cultural de Cervo realizou a súa estrea cantando nun día máxico
milicrocas-cervo
7 Jan 2025

O día da Cabalgata de Reis e esa noite é especial para todos os nenos e nenas, mais en Cervo había ilusión engadida. O grupo infantil das Milicrocas, da asociación cultural Airiños do Xunco, debutaba en concerto. "Foi a súa primeira actuación xa nun día especial de por si no que ata agora cantabamos sempre as maiores, pero pensamos en aproveitar que conformamos este grupo infantil. Comezamos a ensaiar en outubro e pillan todo rápido, as cancións, melodías,... e coa pandeireta xenial", recoñece Raquel Blas, cantareira no grupo de Cordenaia e profe de Milicrocas, xunto con Carmela (tamén cantareira en Cordenaia).

O grupo das Milicrocas, segundo conta súa profe, xorde a través do afán de recuperar o que xa había antes na asociación cultural Airiños do Xunco, que era un grupo infantil de nenos e nenas: "Levabamos pensando, tanto dende a Directiva como no grupo das maiores, que nos gustaría volver a ter un grupo infantil. En setembro puxemos un anuncio que se facía grupo e animando ás crianzas a que se apuntaran. A verdade foi toda unha sorpresa para nós a aceptación que tivo, xa que actualmente temos 13 nenas e nenos".

Aproveitando a motivación do grupo pensaron na noite de Reis como un bo día de estrea e o resultado non puido ser mellor. Había moita xente e familiares para velas e estaban "emocionadísimas, algunhas nerviosas, pero con moitas ganas". Transmitironlles ás profes, tanto a Raquel como a Carmela, a súa ilusión nese día máxico: "Estamos moi orgullosas delas e queremos que o grupo continúe así para seguir medrando".

Co debut xa realizado, a partir de agora toca comezar con cousas novas, tanto en canto como en baile porque segundo manifesta Raquel: " Temos futuro tradicional aquí en Cervo!"

0.16414189338684