O grupo Dambara de Burela representará á provincia de Lugo no desfile de San Patricio de Madrid

O grupo de gaitas da Asociación Cultural e Musical Dambara de Burela converterase este ano no embaixador da provincia de Lugo no desfile de San Patricio que se celebrará en Madrid. A formación participará neste destacado pasacalles de música celta grazas ao patrocinio da Deputación de Lugo, nun evento que cada ano reúne a milleiros de persoas na capital do Estado.
O desfile terá lugar pola Gran Vía e está considerado o máis importante deste tipo que se organiza en España. Na cita daranse encontro arredor de 1.600 músicos pertencentes a 27 bandas de gaitas chegadas de diferentes puntos do país e tamén do estranxeiro, nunha celebración que se prevé multitudinaria.
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto coa concelleira Patricia Eijo Palmeiro, asistiu recentemente a un dos ensaios previos que o grupo realizou antes da viaxe a Madrid. Durante o desfile, os integrantes de Dambara levarán tamén unha bandeira da institución provincial como símbolo da representación lucense no evento.
Carmela López destacou que para a provincia “é unha grande satisfacción que o nome de Lugo estea presente nun evento destas características a través da música e da tradición galega”. Segundo indicou, trátase dunha cita con gran proxección nacional e internacional que cada ano congrega a arredor de 250.000 persoas, o que supón unha importante oportunidade para dar visibilidade á cultura e ao talento musical da provincia.
A responsable provincial tamén puxo en valor a traxectoria da asociación burelá, que leva preto de tres décadas traballando na promoción da música tradicional entre a mocidade e organizando iniciativas destinadas a conservar e difundir o patrimonio cultural galego.
No desfile, que terá unha duración aproximada de dúas horas e se celebrará este sábado, participarán 28 integrantes do grupo Dambara. Os músicos desfilarán vestidos co traxe tradicional galego e interpretarán entre dez e quince pezas do repertorio habitual da banda, no que se inclúen pasodobres, muiñeiras e outras composicións representativas da música popular galega.