O Gran Premio San Roque cumpre 40 edicións reunindo ás promesas do ciclismo na Mariña

AMariñaXa
A cita deportiva celebrarase o sábado 19 de xullo en Viveiro cun percorrido urbano e trofeos para todas as categorías
Viveiro-vista-monte-san-roque
16 Jul 2025

Viveiro prepárase para acoller unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo da Mariña. O 40º Gran Premio Ciclista San Roque terá lugar o sábado 19 de xullo na explanada do pavillón polideportivo, nun circuíto urbano de 1,7 quilómetros que volverá encher as rúas de velocidade, esforzo e emoción.

A xornada arrincará ás 10:30 horas coas carreiras das categorías júnior e máster, que deberán completar 18 voltas ao percorrido cunha fase final de eliminación. Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, será a quenda das escolas e cadetes, con 12 voltas e tamén eliminación nos últimos tramos.

A proba contará con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto masculina como feminina, nunha aposta decidida pola igualdade e a promoción do deporte base.

O evento está organizado pola Escola de Ciclismo Viveiro e conta coa colaboración do Concello, Protección Civil, Policía Local, a Federación Galega de Ciclismo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e numerosos establecementos comerciais da comarca.

Desde a organización animan a veciñanza e visitantes a achegarse para apoiar aos e ás ciclistas, gozar do espectáculo e contribuír ao éxito dunha competición que cumpre xa catro décadas de historia e paixón sobre dúas rodas.

⚙ Configurar cookies
0.17140412330627