O Gran Desfile converterá o sábado 14 no día grande do Entroido de Foz 2026

Foz
AMariñaXa
A cita central da programación repartirá máis de 8.000 euros en premios e contará con animación durante toda a xornada
ENTROIDO-FOZ-2023--desfile-7
13 Feb 2026

O Entroido de Foz 2026 terá o seu punto álxido o sábado 14 de febreiro, unha xornada chamada a concentrar a maior afluencia de público coa celebración do Gran Desfile, un dos actos máis emblemáticos e esperados da programación. A festa, organizada polo Concello, esténdese ata o día 20 cunha ampla oferta de actividades para todas as idades, pero será este sábado cando o Entroido viva o seu momento máis multitudinario.

O día arrancará ás 10.00 horas co tradicional chupinazo, que marcará o inicio oficial dunha xornada chea de ambiente festivo e animación musical durante toda a mañá. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, dará comezo o Gran Desfile, no que participarán comparsas, grupos e disfraces individuais, e no que se repartirán máis de 8.000 euros en premios entre as distintas categorías.

A celebración continuará pola noite cun baile amenizado polas orquestras D’Cano e La Bamba, prolongando a festa ata altas horas da madrugada. A entrega de galardóns está prevista a partir da 1.30 horas, nunha xornada que se prevé intensa e chea de participación. As entradas para os actos nocturnos terán un prezo de 7 euros.

A programación do Entroido completarase nos días seguintes con propostas pensadas especialmente para o público infantil e familiar. O domingo 15 celebrarase un baile infantil na carpa da rúa Atalaia, acompañado de xogos, animación e a actuación de La Guagua, coa entrega de premios ás 19.30 horas e o peche festivo co Touporroutou no Colexio Martínez Otero. O luns 16 terá lugar o tradicional Baile do Farolillo, con sesión infantil e verbena para adultos, mentres que o martes 17 volverán as actividades para os máis pequenos.

O Entroido de Foz despedirase o venres 20 coa saída da comitiva fúnebre e a tradicional queima. Como en edicións anteriores, instalarase graderío na explanada portuaria e as entradas poderán adquirirse desde o luns 9 no CENIMA. O alcalde, Fran Cajoto, agradeceu o traballo das persoas e colectivos implicados, subliñando que “o Entroido de Foz segue a ser un referente grazas ao esforzo conxunto de toda a vila”.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.077875137329102