O GPA reforza a súa estrutura con novas incorporacións e afonda na identidade mariñeira de Burela

O Grupo de Participación Adolescente (GPA) celebrou onte unha nova xuntanza que supuxo un paso máis no proceso de consolidación do colectivo, coa incorporación de dous novos integrantes e cunha dinámica de traballo centrada nas preocupacións e intereses da mocidade de Burela. A sesión desenvolveuse nun clima participativo, no que os mozos e mozas compartiron ideas, opinións e reflexións sobre cuestións vencelladas ao seu entorno máis próximo.
Un dos eixos centrais do encontro foi a análise do sector pesqueiro e do papel que xoga na identidade de Burela como vila mariñeira. A partir destas reflexións, os participantes elaboraron unha batería de preguntas co obxectivo de buscar respostas a través do diálogo coa comunidade local e con profesionais relacionados co ámbito marítimo, apostando así por un coñecemento máis profundo da realidade que os rodea.
Paralelamente, o GPA continuou traballando na construción dunha identidade propia. Ademais de avanzar na procura dun nome identificativo para o grupo, os seus membros comezaron a imaxinar unha posible icona ou marca que os represente e que sirva como elemento común de recoñecemento.
O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, puxo en valor este tipo de iniciativas, destacando que “é moi positivo ver como a mocidade se implica en analizar a realidade da vila e en formular preguntas que axudan a construír comunidade”. Segundo sinalou, o GPA “está a converterse nun espazo real de escoita e aprendizaxe compartida”, ao tempo que subliñou que a chegada de novos membros “demostra que o proxecto segue vivo e esperta interese entre a rapazada, algo clave para garantir unha participación activa no presente e no futuro”.
A xornada incluíu tamén un tempo dedicado ao lecer, fundamental para fortalecer os vínculos entre os participantes e favorecer un ambiente de confianza dentro do grupo. Así, o encontro pechouse cun espazo lúdico no que os mozos e mozas compartiron partidas de ping pong e billar, combinando reflexión e convivencia.