O góspel solidario de Aba Taano soará este sábado na Sala Bahía de Foz

Foz
AMariñaXa
O concerto, con entrada a 10 euros, recadará fondos para un proxecto educativo con nenas e nenos orfos de Uganda
2023-CONTORNA-DA-SALA-BAHÍA-E-DA-GALIÑA-AZUL-(FOZ)
12 Jun 2025

A Sala Bahía de Foz acollerá este sábado, 14 de xuño, unha proposta musical pouco habitual na comarca e cun forte compoñente solidario. O recoñecido grupo de góspel Aba Taano ofrecerá un concerto ás 20:00 horas cun obxectivo que vai máis alá da música: recadar fondos para o proxecto Música para salvar vidas, destinado a mellorar o futuro de menores orfos en Uganda a través da arte.

A iniciativa foi anunciada pola concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, quen subliñou o valor humano do evento: “Aba Taano é un grupo especializado en música góspel que, alén da súa calidade musical, forma parte dun proxecto solidario que axuda a nenas e nenos orfos de Uganda a crecer e formarse mediante a música e a danza, abríndolles a posibilidade de construír un futuro digno no seu propio país”.

As entradas teñen un prezo de 10 euros e poden adquirirse de forma anticipada a través da web giglon.com, ou tamén no propio recinto dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Desde o Concello de Foz queren destacar o apoio institucional a este tipo de propostas que mesturan cultura e solidariedade. “Defendemos e impulsamos todos aqueles proxectos que buscan transformar vidas a través da arte. Agardamos que o público acuda e desfrute dunha proposta musical distinta e moi especial”, engadiu López Couto.

⚙ Configurar cookies
0.16581106185913