O Goberno pecha a porta á intervención da SEPI en Alcoa

AMariñaXa
As administracións consideran que xa fixeron os esforzos necesarios e piden avances por parte de Alcoa e do comité
reunion-seguimento-alcoa-marzo-2025
19 Mar 2025

A sede do Ministerio de Industria acolleu esta mañá unha reunión de seguimento sobre o futuro de Alcoa en San Cibrao, o único complexo industrial que a multinacional estadounidense do aluminio mantén en España.

Na xuntanza participou unha representación do comité de empresa da planta. Segundo explicou o seu presidente, José Antonio Zan, analizáronse os compromisos adquiridos ata o momento. Zan sinalou que "o Goberno recordou que prometeu aumentar as compensacións de CO2 e axilizar os nós de conexión, mentres que a Xunta de Galicia confirmou a autorización da ampliación da balsa de lodos vermellos ata a 404". Representantes da empresa sinalaron que están preto de cumprir tres obxectivos clave: iniciar o recrecemento do DBR, dar orde de rearranque e incorporar un novo socio.

Alcoa recoñeceu que "os dous vindeiros anos serán de fluxo de caixa negativo, mais confía en que a situación mellore no terceiro ano". Por outra banda, a empresa defende que está levando a cabo os investimentos previstos, agás a orde de cocción, que foi aprazada debido á situación financieira.

Tamén se abordou a situación das PPAs con Endesa, Green Alley e Capital Energy. Endesa acolleuse a un real decreto que lle permite non entregar enerxía ata xuño de 2028, Green Alley prevé obter os permisos este ano, e Capital Energy nunca chegou a un acordo final con Alcoa.

Outro punto debatido foi o financiamento. O comité propuxo acceder a créditos ICO para garantir a viabilidade da planta, pero Alcoa aposta por unha recapitalización da débeda e a liberación do fondo de garantía. Ademais, a empresa recibirá 25 millóns de euros de IGNIS-EQT, o que lle permitirá saír da condición de "empresa en crise" e optar a axudas públicas.

Porén, o Goberno deixou claro que non contempla unha intervención a través da SEPI pois "no só temos Alcoa, non se pode resolver os problemas das empresas rescatándoas coa SEPI", informou Zan. Agora, segundo as administracións, o futuro da factoría depende da capacidade de Alcoa e do comité de empresa para atopar un acordo que asegure a continuidade da produción.

XUNTA DE GALICIA

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou a importancia de que exista un diálogo fluído entre Alcoa e o comité de empresa nun ano, dixo, que vai ser “crucial” para a compañía, posto que sairá da súa condición de empresa en crise e poderá ter acceso, polo tanto, a axudas públicas e outras vías de financiamento.

Segundo apuntou, para iso, o prazo que manexa a propia Alcoa é o último trimestre de 2025 cando, engadiu, ao superar esa condición “vai poder abrir todo un campo de vías tanto de financiamento como de apoios públicos”. “Cremos que este ano é crucial”, sinalou Lorenzana, para que “xa poida comezar a funcionar no mercado económico con normalidade”.

A conselleira participou hoxe na 18ª reunión do Comité de seguimento de Alcoa, a primeira que se celebra logo de que se asinase o memorando de entendemento entre a Xunta de Galicia, o Goberno central, Alcoa e Ignis, “para dar garantías á empresa dos prazos dos distintos procedementos administrativos que cada goberno, no seo das súas competencias, ten que tramitar”, lembrou.

Segundo dixo, foi unha reunión na que se volveu poñer de manifesto o “compromiso absoluto” coa planta de San Cibrao e cos máis de 1.000 traballadores e todas as súas familias. Lorenzana destacou, en particular, que, por parte da Xunta de Galicia, nestes últimos meses foi moi importante a autorización da balsa de lodos. Ao respecto, avanzou que a Administración autonómica vai  seguir traballando “para que poida seguir aumentando a cota e, polo tanto, poida seguir a actividade de Alcoa”.

Neste contexto, tamén puxo de manifesto que “aínda quedan fitos por cumprir”, como o desbloqueo dos parques eólicos que teñen asinados coa empresa contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPAS) e vanlle garantir unha subministración a prezos máis baixos e competitivos. “É clave conseguir abaratar os custos fixos que ten a compañía, traballar para que a fábrica poida continuar desenvolvendo a súa actividade”, dixo, para apelar de novo ao diálogo. “Para seguir co seu traballo en Galicia ten que haber un compromiso por ambas as dúas partes ademais de, por suposto, por parte dos gobernos”, que van facer un seguimento para que os compromisos se vaian cumprindo, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.49987196922302