O Goberno local de Mondoñedo afeoulle ao BNG a súa crítica aos Orzamentos de 2026

O Goberno local de Mondoñedo respondeu á valoración realizada polo BNG tras o seu voto en contra dos Orzamentos Municipais de 2026, asegurando que a postura do grupo nacionalista “evidencia ou un profundo descoñecemento das contas deste concello, o cal resulta preocupante, ou un intento deliberado de facer ruído por mala fe”.
O executivo municipal lembrou que, durante o período no que o BNG estivo á fronte do Concello, Mondoñedo estivo sometido a un plan de axuste, con dificultades para garantir as nóminas, os pagos a provedores e sen capacidade para aprobar unhas contas anuais, que permanecían prorrogadas. Ademais, engadiu que daquela se acumulou unha débeda de 1,5 millóns de euros, que o actual equipo de goberno asegura ter saldado en catro anos, ata acadar a situación actual de débeda cero.
Segundo o Concello, a situación é agora “radicalmente distinta”. Destacan que Mondoñedo é un dos primeiros municipios da provincia en aprobar os orzamentos do ano vindeiro e que acumula unha década aprobando as contas municipais de maneira continuada, “garantindo estabilidade e blindando os servizos públicos”. Engaden tamén avances en materia laboral, coa sinatura dun convenio colectivo —“un dos poucos en vigor na provincia”— e coa actualización da Relación de Postos de Traballo, unha demanda que, segundo afirman, permanecera anos sen resolver.
O Goberno local sostén que o BNG “non pode dar leccións”, ao non ter presentado ningunha achega ao documento económico durante o proceso de elaboración: “Tiveron a oportunidade de formular propostas e non o fixeron nin unha soa vez”, sinalaron, atribuíndoo a “falta de interese ou de traballo”.
O executivo critica tamén a xestión económica do BNG cando estaba no goberno, lembrando que contratara unha empresa de contabilidade “que non serviu para nada, supoñendo unha perda de tempo e de recursos públicos”. Fronte a iso, afirman que o actual equipo foi quen “saneou as contas, pechou saldos pendentes e pagou todo o que quedaba sen resolver”.
En relación co gasto en festas, o Concello defendeu que colabora “de maneira responsable” con cada asociación organizadora, valorando os recursos dispoñibles en cada momento e buscando apoio doutras administracións para impulsar os eventos. Critican que, durante a etapa nacionalista, “se freasen iniciativas do tecido asociativo que hoxe son un referente na vila”, o que consideran que si supuxo un estancamento.