O goberno local de Foz acusa ao PP de difamar a imaxe do municipio

Foz
AMariñaXa
A portavoz municipal, Inés López Couto, reprocha ao voceiro popular as súas críticas sobre o estado dos edificios públicos e defende as actuacións previstas polo Concello
ines-lopez-couto-FOZ-concelleira-cultura
12 Mar 2026

A portavoz do goberno municipal de Foz e tenente de alcalde, Inés López Couto, respondeu ás críticas realizadas polo portavoz do Partido Popular no Concello e pediulle que “deixe de difamar ao seu propio pobo todos os días para ter un oco na prensa”. A responsable socialista considera que as declaracións do representante popular transmiten unha imaxe negativa do municipio e non contribúen a resolver os problemas existentes.

López Couto manifestou que o portavoz do PP “está moi desocupado mandando notas de prensa” nas que critica o estado de diversos edificios municipais, ao tempo que responsabiliza ao actual goberno local da situación. Segundo a edil, estas acusacións non teñen en conta a realidade herdada de etapas anteriores nin o traballo que se está a realizar na actualidade para mellorar as instalacións públicas.

A portavoz municipal puxo como exemplo o edificio Bahía, do que asegurou que durante o anterior mandato quedou sen equipamento na súa sala principal. “Se ten tantas críticas que facer, podería explicar tamén que investimentos realizaba no mantemento de determinados edificios municipais durante a súa etapa”, sinalou.

No mesmo sentido, López Couto referiuse tamén ao estado no que, segundo explicou, se atopaba o CENIMA cando o actual goberno accedeu á alcaldía. A concelleira afirmou que o inmoble foi recepcionado sen rematar correctamente determinados elementos construtivos, entre eles o recebado das paredes laterais. “Cando chegamos ao goberno esas paredes estaban en ladrillo e tivemos que arranxalas porque filtraban auga. Quizais a situación actual da fachada teña relación con ese problema inicial”, indicou.

A tenente de alcalde asegurou que o executivo local leva tempo traballando na busca de solucións para mellorar o estado dos edificios municipais. Segundo explicou, estanse solicitando orzamentos e estudando diferentes vías de financiamento para afrontar as actuacións necesarias, aínda que recoñeceu que os recursos económicos son limitados e que non é posible executar todas as intervencións ao mesmo tempo.

Entre as actuacións previstas, López Couto anunciou que proximamente se formalizará o contrato para a reparación da cuberta do edificio do Concello. Ademais, indicou que se está a concretar o financiamento necesario para levar a cabo traballos de pintura e reparación tanto na praza como na fachada do inmoble municipal.

A responsable socialista explicou tamén que o goberno local mantén no seu plan de actuacións outros edificios públicos relevantes do municipio, como a Casa da Cultura ou o propio CENIMA. Neste último caso, avanzou que está prevista a substitución das vidreiras da entrada e dos marcos, que presentan un notable deterioro debido ao efecto do salitre.

“Nos preocupámonos polos edificios e estamos buscando solucións para os problemas que teñen. Non miramos cara a outro lado, como se fixo noutras etapas”, afirmou.

López Couto criticou igualmente que o portavoz do PP centre o seu discurso unicamente na imaxe turística do municipio. Ao seu xuízo, esta visión deixa de lado as necesidades diarias da poboación. “Parece que se lle esquece que en Foz viven máis de dez mil persoas que precisan servizos públicos, rúas en bo estado, equipamentos e unha boa xestión municipal”, indicou.

A portavoz do goberno local engadiu que o executivo municipal traballa cos recursos dispoñibles e sen escudarse na falta de orzamentos. “Non damos escusas, traballamos co que temos”, sinalou.

Finalmente, López Couto convidou ao portavoz popular a colaborar de maneira construtiva e a participar nas xestións que o Concello poida realizar ante outras administracións. Neste sentido, propuxo que acompañe ao goberno municipal á Xunta para solicitar un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia que permita impulsar actuacións de mellora nun edificio no que tamén teñen participación outras entidades, como Costas ou o Club Náutico.

“Pedímoslle que aporte algo en positivo e que abandone a dinámica do non polo non e de intentar enlodar todo canto toca”, concluíu a portavoz do goberno municipal de Foz.

0.11772108078003