O Goberno focense acusa ao PP de bloquear o arranxo dos estacionamentos públicos

O goberno local socialista focego acusa ao PP de intentar bloquear o arranxo de estacionamentos públicos en Foz.
“O portavoz popular de Foz, Javier Castiñeira, agóchase tras os seus compañeiros provinciais para non dar a cara nunhas acusacións contra o PSOE, veciños e ata negocios de Foz. Ese é o nivel de cobardía ao que nos ten acostumados”, di a voceira do goberno municipal, Inés López Couto, que explica: “os aparcamentos públicos son necesarios e na meirande parte de lugares son fincas privadas con cesións ás administracións públicas para o seu uso. Aplicando o mesmo que agora trasladan eles, o portavoz popular de Foz debería explicar o asfaltado do aparcamento da rúa Valle Inclán (coñecido en Foz coma o aparcamento do Pema), que se apresurou a realizar antes das eleccións do ano 2019 con polo menos dez mil euros de fondos municipais. Pode explicalo de forma clara, pero este goberno non vai dicir que mellorar unha área de uso público para estacionamento sexa unha mala obra para Foz. A diferenza del temos a decencia de agradecer o que mellora os servizos do pobo e non intentar ensucialo por interese político, aínda que non pertenza ao Concello”.
Inés López Couto engade que “ante as explicacións solicitadas sobre o estacionamento arranxado, o Concello actuou sempre para a mellora dos servizos para todos, nunha área moi utilizada e transitada na entrada de Foz, para acondicionala para o seu uso público. Este servizo está debidamente acordado cos propietarios, como nos estacionamentos de Costa do Castro, rúa do Pilar ou do colexio Fondo Nois. Todo o demais é ruído e mentira. Estamos acostumados aos esperpentos do líder popular de Foz porque xa na súa etapa como deputado provincial denunciou no xulgado o aglomerado por parte da empresa Tragsa e a Deputación do aparcamento do cemiterio da nosa vila, e obviamente o xuíz desestimou a súa denuncia. Ameazas e improperios son a súa especialidade, tentar atemorizar para que non se traballe, pero a xente non se pode enganar, o traballo vai continuar. O líder do PP de Foz pode seguir sacando a foto e escondendo a man”.
“Dende o grupo provincial do PP levan dúas notas de prensa seguidas cheas de mentiras e de desinformación para a cidadanía. Non teñen a decencia nin de preguntar, directamente acusan, non só aos representantes do PSOE senón tamén a particulares. Supoñemos que seguen a liña do PP nacional e aplican o mentir no es ilegal. E se falamos de comparativas, os concellos tamén debemos ser todos iguais para que a Xunta de Galicia nos dea o mesmo número de convenios a todos. Temos que agradecer o compromiso do presidente José Tomé e a Deputación de Lugo, xa que non existe este apoio por parte da Xunta de Galicia para executar as necesidades que ten o pobo de Foz”, remata López Couto.