O Goberno de Trabada impulsa un curso de ciberseguridade para a veciñanza

O Concello de Trabada continúa a fomentar a capacitación dixital da poboación cun novo obradoiro dentro do programa “E para dixitalizarse, Lugo”, tras o éxito das accións formativas desenvolvidas a finais do pasado ano. Nesta ocasión, a actividade, titulada “Ciberseguridade: acoso, grooming e estafas”, está deseñada para dotar ás persoas participantes de ferramentas básicas que lles permitan identificar riscos en internet e facer un uso responsable e seguro das tecnoloxías dixitais.
O curso celebrarase na Casa da Cultura de Trabada (Rúa do Concello, 40) os días 2, 3, 4, 9, 10, 11 e 16 de febreiro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, e conta con 12 prazas. As inscricións permanecerán abertas ata o 17 de xaneiro, realizándose de forma presencial no Concello.
Esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo que inclúe formacións sobre uso básico da informática, sinatura dixital, certificados electrónicos, manexo de teléfonos móbiles, banca electrónica, busca de emprego en liña ou ferramentas de Google. O alcalde, Rubén García, destacou que o curso busca reducir a fenda dixital e ofrecer coñecementos prácticos para mellorar a autonomía e a seguridade das persoas no entorno dixital.