O goberno de Ribadeo acusa ao BNG de deixar facturas sen pagar por máis de 880.000 euros

AMariñaXa
Técnicos municipais e equipo de goberno reprochan aos nacionalistas unha xestión “nefasta” e reclámanlles que pidan desculpas polas débedas herdadas
concello-ribadeo3
23 Jul 2025

O actual equipo de goberno de Ribadeo saíu ao paso das últimas declaracións do BNG cunha dura resposta na que acusan aos nacionalistas de faltar á verdade e de deixar tras de si unha morea de facturas pendentes por un valor total que supera os 880.000 euros. Tanto o executivo local como os técnicos municipais aseguran estar “moi sorprendidos” pola actitude do anterior goberno, ao que cualifican de irresponsable e pouco transparente.

“Cando chegamos ao Concello atopamos facturas sen pagar por case novecentos mil euros”, indican fontes municipais, que enumeran exemplos como estradas executadas sen abonar, talleres con maquinaria abandonada e sen liquidar —cunha débeda que supera os 100.000 euros—, ou mesmo a iluminación do Nadal de 2022, que quedou pendente de pago. A esta lista engaden tamén máis de 50.000 euros en facturas acumuladas pola luz pública.

O executivo actual tamén revela que tiveron que asumir gastos relacionados co hangar de piragüismo, que quedou sen abonar, e que foi necesario acudir á Deputación para solucionar o que consideran “un problema de calado”. Do mesmo xeito, apuntan que Ribadeo debía a súa parte correspondente á Selectividade en Viveiro desde o ano 2019: “Tivemos que afrontalo nós para non prexudicar ao alumnado”, explican.

Desde o goberno local afirman que “é indignante que agora o BNG pretenda facer oposición con acusacións infundadas, cando o certo é que deixaron unha situación económica moi complicada”. E engaden que mesmo se pagaban seguros de vehículos que xa foran dados de baixa: “Iso amosa a desorganización e o desleixo coa que se traballaba”.

Aínda así, o equipo de goberno asegura que non entrará en polémicas innecesarias: “Nós seguiremos traballando, impulsando proxectos e facendo cousas. O fácil é criticar, pero parece que como non hai argumentos sólidos, inventan cousas para desprestixiarnos”.

⚙ Configurar cookies
0.18267798423767