O Goberno de Lourenzá rexeita o proxecto do PP para crear un plan anual de limpeza e desbroce de vías

AMariñaXa
A proposta buscaba establecer unha planificación estable e coordinada ao longo do ano que garantise o mantemento das vías e espazos públicos
fochancas-estrada-xedive-pereira-chantada
17 Oct 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá lamenta o rexeitamento do goberno local do PSOE á moción presentada polos populares para poñer en marcha un plan anual de limpeza, acondicionamento e desbroce das zonas verdes e das marxes das vías municipais.

A proposta, defendida polos populares, buscaba establecer unha planificación estable e coordinada ao longo do ano que garantise o mantemento das vías e espazos públicos, evitando a improvisación e as queixas veciñais recorrentes pola falta de limpeza.

Durante o debate, o goberno municipal recoñeceu que non é de cumprir un calendario concreto de actuacións, alegando dificultades de planificación e limitacións de medios. Para os concelleiros populares, esta resposta “demostra que o Concello carece dunha verdadeira planificación anual e que segue traballando a salto de mata, actuando só cando os veciños se queixan ou cando a situación xa é insostible.

O PP insiste en que a intención da moción non era criticar o labor do persoal municipal, senón dotar ao Concello dunha ferramenta de planificación eficaz. “O que propuxemos é algo básico en calquera administración seria: ter un plan anual que marque prioridades, medios e prazos. Se o goberno local admite que non pode cumprir nin o que planifica mes a mes, está recoñecendo que non existe unha organización real”, afirma Roberto Díaz.

Ademais, a falta de planificación afecta tamén ás pistas forestais, “moitas das cales presentan un estado lamentable e chegan a ser intransitables”, advirte Roberto Díaz. “Se hoxe se producise un incendio en determinadas zonas do concello, os servizos de emerxencias terían serias dificultades para acceder por culpa da maleza e do abandono das pistas. Isto é un problema de seguridade pública, non só de imaxe”, engade.

Desde o PP lembran que a Xunta de Galicia convoca cada ano axudas para a contratación de persoal e medios de desbroce, polo que “non hai escusas para non planificar con antelación e aproveitar os recursos dispoñibles”.

Díaz subliña que o Grupo Popular seguirá insistindo en que Lourenzá conte cun plan anual serio e transparente. “Non se pode manter o concello limpo e seguro se non hai previsión nin vontade política. O PSOE rexeitou unha proposta de sentido común que só buscaba mellorar o servizo e a imaxe de Lourenzá”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.079807996749878