O goberno de Lourenzá acusa ao PP de mentir sobre a restauración do Mosteiro de San Salvador

O equipo de goberno de Lourenzá critica ao Partido Popular por facer política con mentiras en relación coa restauración do Mosteiro de San Salvador. Segundo denuncian, nos últimos días apareceron noticias en medios e redes sociais onde o PP local acusa ao goberno municipal e ao senador socialista César Mogo de enganar sobre a moción presentada polo senador Balseiro no Senado. O executivo municipal lamenta que os populares "ou ben non leron o texto da súa propia moción ou non entenden o que nela se di".
Desde o goberno local lembran que a moción do PP insta ao Goberno de España a asumir integramente a rehabilitación do Mosteiro e a elaborar e executar un proxecto de intervención, coa posibilidade de colaboración doutras administracións. "Tal e como dicía o senador César Mogo: ‘Paga ti que invito eu’. O proxecto de rehabilitación xa está elaborado e foi financiado polo Bispado de Mondoñedo e polo Concello de Lourenzá, así que grazas por nada!", apuntan con ironía. Tamén critican que a moción fose presentada sen falar cos propietarios do inmoble.
Ademais, o goberno municipal rebate outras afirmacións do PP, como a de que a Xunta foi o único organismo en financiar obras no Mosteiro. Explican que, en realidade, as intervencións financiadas pola Xunta foron na igrexa de Santa María, a pesar de que o propio PP sempre defendeu que non se deben investir fondos públicos en propiedades privadas. Tamén lembran que os populares criticaron no seu momento a intervención do Bispado no tellado do Mosteiro, unha actuación que evitou un maior deterioro.
O equipo de goberno de Lourenzá acusa ao PP de manipular os feitos ao culpar unicamente ao Goberno central da exclusión do Mosteiro do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22. Segundo indican, a súa primeira inclusión foi responsabilidade da Xunta de Galicia, a pesar de que os requisitos do plan exixían que os bens fosen de titularidade pública. Posteriormente, o Goberno central tivo que excluílo por non cumprir cos criterios de financiamento europeo.
Finalmente, o goberno municipal conclúe que agora o PP de Lourenzá quere presentarse como o salvador do Mosteiro, cando gobernou durante máis de 30 anos sen facer nada para evitar a súa deterioración. "Xa sabemos que o de arrimar o ombreiro non vai con eles. Se realmente quixeran facer algo positivo, poderían acadar compromisos e axudas da Xunta para mellorar o benestar da veciñanza, e non só conseguir algunha carpa para festas parroquiais, que tamén se agradecen", afirman.