O Goberno de Foz presenta un plan de recuperación económica
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, presenta un plan de impulso e recuperación económica á hostalería e comercio locais tras unha reunión mantida hoxe, mércores, no Concello coa ACIA e con portavoces e empresarios do sector da restauración de Foz.
O rexedor municipal explica que “son momentos difíciles, moi duros. Non é de recibo decretar de forma unilateral o peche dun negocio e non aportar unha solución de viabilidade: iso é o que está acontecendo en Foz e en toda Galicia, iso é o que están a facer desde Santiago unha vez máis. De novo, como acontece sempre, estanos tocando reaccionar aos concellos, por encima incluso das nosas posibilidades. No artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia márcase ben claro que será competencia da Xunta de Galicia o Fomento e a planificación da actividade económica en Galicia, así como o desenvolvemento e execución de programas de actuación referidos a comarcas deprimidas ou en crise. Estamos sós, pero iso non é o peor. Nun exercicio de inconsistencia crónica o portavoz do Partido Popular de Foz opta por falsear a realidade, confundir competencias, restar e poñer trabas en plena crise pandémica. Outra vez, e van unhas cantas”.
A edil de Facenda e tenente de Alcalde, Inés López Couto, asevera que “nas conversacións coa ACIA, a APEHL e profesionais do sector fomos moi honestos. Aos períodos obrigados de peche decretados polo Estado e a Xunta de Galicia respondemos de forma áxil, cun decreto para evitar o pago de ocupación por terrazas e a recollida de lixo. Sen embargo este decreto non se puido facer extensivo máis alá do peche obrigado dos establecementos: en canto se levanta o peche o establecemento xa pode exercer a actividade económica, independentemente das limitacións. Pero isto non era suficiente e por iso seguimos traballando”.
Fran Cajoto explica que “á falta de concreción da aportación municipal nas axudas directas que instancias superiores como a Deputación de Lugo están promovendo para o sector da hostalería e outros, ao que se incorporará o Concello de Foz, o equipo de goberno presenta un plan de impulso e axuda á hostalería e comercio local, cun custo real de máis de 150.000 euros, o 2% do orzamento municipal”.
DEROGACIÓN DE TAXAS
A primeira medida será a derrogación da taxa de ocupación de terrazas durante o período dun ano. Ampliarase a medida de exención durante os ceses obrigados de actividade promulgados polo Estado Central e a Xunta de Galicia, establecendo durante o período dun ano a eliminación do cobro de taxas ata a aprobación dunha nova ordenanza actualizada.
A"topando como a solución legal máis inmediata e áxil, dada a delicada situación económica do tecido local, a derrogación da taxa, xa que o concepto supresión temporal suporía un caso de desviación de poder da administración local segundo a asesoría xurídica municipal", din. A tramitación da derrogación iniciase de forma inmediata, respectando os prazos legais co compromiso do Concello de eliminar o cobro durante un ano.
O Plan Impulsa Foz 2.0, dotado con 22.000 euros, continúa e amplía as iniciativas comezadas no 2020. Faranse campañas de promoción da hostalería e comercio locais, incidindo no consumo de proximidade e na recuperación da actividade económica local.
Estes eventos concretaranse en diferentes campañas promocionais que poderán incluír agasallos, vales e tickets regalo para o consumo local e promocións audiovisuais de todo tipo para a difusión de Foz como centro comercial aberto.
O Concello tamén se encargará de incrementar o apoio económico do Concello á Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz.
"Considerando á ACIA como o ente máis próximo a todos os hostaleiros, comerciantes e tecido produtivo de Foz, duplicarase a subvención municipal a esta asociación para que os recursos cheguen de forma moito máis áxil a todos os interesados. A consignación do ano 2020 de 15.000 euros aportados polo Concello resultará de 30.000 euros no 2021", din.
SECTOR CULTURAL
O Concello aposta polo sector cultural e os eventos seguros, creando novos contidos de acceso libre financiados integramente polo Concello de Foz, cun custo estimado de 80.000 euros a través de Cultura na Rúa 2.0.
"Necesario para axudar á reactivación e que Foz sexa a mellor opción na Mariña de Lugo, crearase un plan de eventos musicais seguros e repartidos en distintas ubicacións do pobo, de forma independente ás festas e á programación habitual do Concello. Organizaranse novos eventos respectando a situación sanitaria en cada momento en substitución daqueles realizados en outros anos e que pola pandemia non se poidan levar a cabo", explican.
A última gran medida será a incorporación do Concello de Foz ao Plan de Rescate da Hostalería da Deputación de Lugo e a Fegamp.
"En agarda das medidas que se implanten desde as administracións superiores e como membros da Fegamp, o Concello de Foz incorporarase ás axudas que se establezan para paliar os efectos da crise pandémica no sector. En previsión da necesidade de aportar fondos ao Plan o Concello de Foz quedará á disposición do que determinen as administracións superiores e a Fegamp".
INFRAESTRUTURAS
Ao mesmo tempo que as medidas antes descritas o Concello de Foz continúa co seu plan de investimento en infraestruturas do núcleo urbano e as parroquias. “A falta de mantemento dos últimos anos desembocou nun deterioro da imaxe do pobo que estamos traballando para reverter. Deste xeito incrementaranse as partidas de investimento financiadas con fondos propios. Queremos un Foz coidado, atractivo para visitar e cómodo para vivir pois cremos firmemente que esa é a mellor das vantaxes competitivas que lle podemos dar aos negocios locais. A nosa finalidade é que estas medidas sexan efectivas e o máis sinxelas posible: estamos a ver que os trámites burocráticos fan pouco viables determinadas disposicións doutras administracións. E iremos reaxustando as actuacións en vista da súa efectividade”, engade o alcalde.
“Esperamos que o Partido Popular de Foz se sume ás iniciativas e esixa o mesmo esforzo económico ás outras administracións, especialmente a aquela que ten as competencias na materia”, remata Cajoto.