O goberno de Foz anuncia melloras nas xardineiras e responde ás críticas do PP

Foz
AMariñaXa
Inés López defende a xestión municipal e asegura que se están a impulsar actuacións para renovar as zonas verdes
xardineiras-PP-Foz-queixa-2026
24 Mar 2026

O Concello de Foz levará a cabo actuacións para mellorar o estado das xardineiras e das zonas axardinadas do municipio, segundo anunciou a concelleira Inés López Couto, quen tamén respondeu ás críticas formuladas polo portavoz do Partido Popular, Javier Castiñeira.

A edil recoñeceu a necesidade de actuar en determinados espazos, sinalando que “debe mellorarse o estado das xardineiras das beirarrúas para que a veciñanza poida gozar das flores que xa comezan a verse en distintas rúas”. Neste sentido, explicou que nalgunhas zonas, como na rúa Salvador Madariaga, os traballos pendentes corresponden á empresa encargada das obras, á que, segundo indicou, xa se lle requiriu que complete as actuacións previstas.

En relación coas avenidas principais, López Couto indicou que o Concello está a traballar na reposición de árbores e na plantación de novas especies, aínda que advertiu de que a configuración actual dalgúns espazos dificulta o seu crecemento. Por este motivo, avanzou que se solicitou unha subvención para desenvolver un novo proxecto que permita plantar as árbores directamente na terra e mellorar o deseño urbano.

A concelleira defendeu ademais a xestión do goberno local, subliñando que “se están a cumprir compromisos adquiridos en materia de infraestruturas e servizos”, e puxo como exemplo actuacións recentes no municipio. Tamén destacou a posta en marcha de novos contratos, como o servizo de limpeza de sumidoiros vinculado á concesionaria da auga.

Por outra banda, López Couto pediu “respecto” nas intervencións públicas e reclamou unha oposición “máis construtiva”, ao tempo que instou ao Partido Popular a impulsar investimentos para o municipio.

Finalmente, avanzou que os traballos de limpeza e mantemento dos paseos marítimos continuarán nos vindeiros días, co obxectivo de mellorar o seu estado e facilitar o seu uso por parte da veciñanza.

0.12922883033752