O goberno de Foz acusa ao PP de priorizar a crítica pública fronte á comunicación co Concello

A primeira tenente de alcalde de Foz, Inés López Couto, criticou con dureza a actitude do Partido Popular local, ao que acusa de amosar “falta de interese en que se arranxen as cousas” ao optar por trasladar incidencias aos medios de comunicación en lugar de comunicalas directamente ao Concello.
A responsable municipal referiuse á recente denuncia dos populares sobre o estado da ponte de Ollo do Mar, no paseo marítimo, onde advertían da existencia dunha varanda solta. Segundo explicou, mentres o PP difundía esta situación mediante unha nota de prensa, axentes da Policía Local e operarios da brigada municipal xa acudiran o martes ao lugar para avaliar os danos, quedando a incidencia resolta na mañá do mércores.
López Couto subliñou que o Concello actúa con axilidade cando ten coñecemento de problemas graves, ao tempo que contrapuxo esta resposta coa actuación de Portos de Galicia. Neste sentido, lembrou que durante a pasada Semana Santa a Policía Local alertou de táboas soltas na pasarela da Praza Conde de Fontao, pertencente a este organismo autonómico, tras producirse unha caída. Segundo indicou, ante a falta de resposta, foi o propio Concello quen asumiu a reparación, malia ter solicitado en varias ocasións a renovación dos elementos deteriorados.
A edil tamén abordou a situación do paseo de Cangas, incidindo en que se trata dunha zona con risco real debido aos desprendementos rexistrados. Explicou que o Concello puxo o problema en coñecemento de Costas desde o primeiro momento e que, tras os estudos realizados, o proxecto foi publicado no BOE en outubro de 2025. Mentres non se execute unha solución definitiva, o acceso permanece restrinxido por motivos de seguridade.
Neste contexto, denunciou actos vandálicos rexistrados durante a Semana Santa, nos que se retiraron elementos de sinalización e peche, o que obrigou a reforzar novamente as medidas este luns en colaboración coa Garda Civil. López Couto cualificou de “indecente” a postura da oposición por non promover o civismo nin advertir do perigo existente.
Finalmente, a primeira tenente de alcalde acusou ao PP de manter unha estratexia baseada en “moito ruído e poucas solucións”, criticando que non só non achegan propostas, senón que tampouco comunican incidencias relevantes. Ademais, fixo referencia ao recente accidente ocorrido en Santander para pedir maior responsabilidade na xestión destas cuestións e evitar, segundo sinalou, “converter en espectáculo” asuntos que afectan á seguridade cidadá.