O goberno de Foz acusa ao PP de facer unha oposición “destrutiva” pola situación da desembocadura do río Ouro

Foz
AMariñaXa
A portavoz municipal Inés López Couto lembra que o mantemento da costa corresponde a Costas do Estado e defende as actuacións realizadas polo Concello en Fazouro e Pampillosa
ines-lopez-couto-FOZ-concelleira-cultura
16 Mar 2026

A portavoz do goberno municipal de Foz, a socialista Inés López Couto, respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre o estado da desembocadura do río Ouro e pediu á oposición que actúe con “máis responsabilidade” á hora de realizar as súas reclamacións públicas.

Segundo explicou a representante do executivo local, o mantemento e as intervencións na costa corresponden á Demarcación de Costas do Estado, polo que considera que o PP está dirixindo as súas críticas á administración equivocada. “A oposición debería facer as súas demandas con máis seriedade, porque sabe perfectamente que o responsable do mantemento da costa non é o Concello”, sinalou.

López Couto asegurou ademais que o goberno municipal xa solicitou ás administracións competentes que se leve a cabo a retirada dos materiais acumulados na desembocadura do río Ouro, co fin de mellorar o estado desta zona do litoral.

A portavoz tamén aproveitou para lembrar a situación na que, segundo indicou, se atopaba o paseo marítimo de Fazouro ao inicio do primeiro mandato do actual executivo local. De acordo coas súas palabras, o tramo situado na marxe esquerda, entre a Ponte de Ferro e a depuradora, permanecía cortado e sen actuacións previas.

Neste sentido, destacou que foi o propio Concello quen asumiu a intervención para recuperar ese espazo, executando cos seus propios fondos unha nova escollera de protección, cun investimento de 32.181,18 euros, ademais da reposición do paseo marítimo.

López Couto enumerou tamén outras actuacións impulsadas polo goberno local nesta área do municipio. Entre elas mencionou a creación do paseo de 1,5 quilómetros que conecta Fazouro con Peizás, así como os traballos de mellora realizados no frontal da praia da Pampillosa e a renovación do sistema de iluminación na área recreativa da Ponte de Ferro.

A portavoz municipal cuestionou, pola contra, as actuacións realizadas durante o anterior mandato do Partido Popular nesta zona do municipio. “Que obras se fixeron durante o seu mandato nesa contorna? Non lembramos ningunha”, afirmou.

Na súa intervención, López Couto tamén se referiu ás declaracións do portavoz popular, Javier Castiñeira, e considerou que mantén unha actitude de confrontación pública nos medios de comunicación. Segundo indicou, resulta chamativo que estas críticas se produzan nun momento no que o propio Castiñeira anunciou que poñerá fin á súa etapa política en Foz.

“Parece que o portavoz do Partido Popular espertou da hibernación”, afirmou a portavoz socialista, quen engadiu que a súa actividade recente podería responder a unha reacción tardía tras deixar a primeira liña política. “Quizais agora teña remordementos por todo o que non traballou cando tivo a oportunidade de facelo”, concluíu.

0.11595606803894