O goberno de Foz acusa ao PP de bloquear o avance do municipio con críticas sen fundamento

O debate sobre a reorganización do tráfico nas rúas de Foz subiu de ton nas últimas horas, logo das críticas formuladas polo Partido Popular. En resposta, a voceira do goberno municipal, Inés López Couto, cargou duramente contra o exalcalde Javier Castiñeira, a quen acusa de “estar sempre disposto a dar leccións, mesmo a técnicos cualificados con experiencia, coma se soubera máis ca todos”.
Segundo López Couto, a postura do voceiro popular baséase nunha visión inmobilista que rexeita calquera cambio. “O seu mantra é o de déixao así, sempre foi así e así está ben. Se os estudosos da historia aplicaran ese criterio, a sociedade estaría estancada ou mesmo iría cara atrás”, afirmou. A voceira recordou ademais que Castiñeira chegou a negar a existencia do cambio climático nun pleno, como exemplo da súa desconexión coa realidade actual.
O equipo de goberno defende que todas as actuacións en materia de tráfico están sustentadas no Plan de Mobilidade, un documento técnico que establece que as propostas deben ser revisadas durante a súa execución para avaliar a súa efectividade. “Se se molestara en lelo, e non só en mirar un par de frechas, sabería que todas as medidas son revisables e suxeitas a cambios se é preciso”, indicou López Couto.
A concelleira rexeita con contundencia a acusación de improvisación e subliña que a planificación vixente é resultado dun traballo serio e documentado. “Nós non actuamos por impulsos. Castiñeira si o fixo cando puxo dúas rúas principais no mesmo sentido e desfondou unha das súas obras estrela, a Avenida da Mariña, que foi un auténtico desastre”, engadiu.
López Couto lamenta que desde a oposición non se fagan achegas útiles nin se reclame á Xunta ou a outras administracións investimentos para Foz. “O señor Castiñeira vive ancorado no ano 2018. Non avanza nin deixa avanzar. O único que lle interesa é xerar ruído e discordia”, criticou.
En canto ás obras en marcha, a voceira enumerou varios proxectos en execución ou en fase de contratación: “Están en marcha as actuacións en Alfredo Brañas e Alfonso X, proxectadas e orzamentadas a rúa Cervo, Jesús Nazareno, a rúa do Mar e a subida ao instituto. E imos seguir traballando”.
Para rematar, Inés López Couto pediu unha actitude máis construtiva por parte do PP local: “O único positivo que podemos tirar de todo isto é comprobar que a súa pataleta constante non lle aporta nada a este pobo. Oxalá, algún día, contribúa aínda que sexa minimamente á mellora de Foz”.