O goberno de Foz acusa ao BNG de seguir a liña do PP e frear a xestión municipal

O Concello de Foz vive unha nova fricción política entre o equipo de goberno socialista e o BNG. A voceira municipal, Inés López Couto, acusou este mércores ao grupo nacionalista de “seguir ao PP” e de contribuír ao bloqueo do funcionamento municipal nun momento clave para aprobar solucións aos gastos pendentes dos anos 2024 e 2025.
Segundo explicou López Couto, o executivo local convocou ao BNG a unha reunión previa á comisión de asuntos preparatorios do pleno, facilitándolle a documentación necesaria para revisar con antelación os expedientes que se ían tratar. “Nesa xuntanza podían consultar calquera dúbida ao interventor ou trasladar cuestións sobre os asuntos propostos. Coma sempre, o BNG non preguntou nada nin fixo comentario ningún”, lamentou.
A voceira socialista engadiu que a reacción do BNG chegou só despois de que o PP anunciase publicamente que votaría en contra das propostas. “En canto o PP dixo que non apoiaba os expedientes, o BNG foi detrás”, criticou, destacando que a postura nacionalista se mantivo sen achegas propias nin alternativas concretas.
López Couto lembrou que o interventor municipal foi claro ao sinalar que é “conveniente” aprobar canto antes as medidas que permitan afrontar os pagos atrasados, a fin de evitar que a situación se prolongue no tempo. A intención do equipo de goberno é elaborar o novo orzamento tras resolver estes asuntos, un documento no que —sublinhou— “o BNG está convidado a participar, polo que lles propoñemos traballar nisto”.
A responsable de Facenda municipal insistiu en que os grupos da oposición dispoñen aínda de marxe para achegar ideas e contribuír de maneira construtiva. “Este xoves terá lugar a comisión, e o pleno convocarase para o martes. Teñen tempo de propoñer algo útil para Foz”, sinalou.
López Couto advertiu, ademais, que o executivo non permitirá distincións entre “gastos de primeira e de segunda”. “Non imos consentir que se considere de segunda ás empresas que prestaron servizos ao Concello nin aos seus traballadores. Hai facturas sen pagar que proceden de encargos realizados polos propios grupos que agora cuestionan estes pagamentos”, afirmou.