O Goberno de Foz acusa á oposición de difundir falsidades sobre a vivenda pública

Foz
AMariñaXa
O executivo municipal defende a compra dun solar para facilitar á Xunta a construción de pisos en alugueiro e reprocha ao PP e ao BNG a falta de alternativas
ines-lopez-couto-FOZ-concelleira-cultura
20 Jan 2026

A voceira do goberno municipal de Foz, Inés López Couto, respondeu ás críticas formuladas polo voceiro da oposición sobre a política de vivenda no municipio, ás que cualificou de baseadas en “bulos e falsidades”. Segundo explicou, o posicionamento contrario da oposición á creación de vivenda pública en Foz quedou patente xa no pleno municipal do pasado mes de setembro, cando se rexeitou unha proposta concreta para avanzar nesta materia.

López Couto lembrou que a escaseza de vivenda en alugueiro a prezos accesibles é un dos principais problemas que afectan a Foz, unha situación que, segundo sinalou, se repite no conxunto do Estado. Neste contexto, o grupo de goberno puxo enriba da mesa a posibilidade de adquirir o solar situado fronte á Casa da Cultura, propiedade da Sareb, cun prezo moi inferior ao que se barallara anos atrás. “Falamos de 550.000 euros fronte aos preto de dous millóns dos que se falaba no ano 2018”, precisou.

A proposta, explicou a edil, foi rexeitada tanto polo Partido Popular como polo Bloque Nacionalista Galego, sen que se presentase ningunha alternativa viable. Segundo indicou, a única postura expresada pola oposición foi a de que o terreo debería ser cedido de maneira gratuíta ao Concello, algo que cualificou de irreal. Neste sentido, lembrou que no seu momento o propio PP recoñecera que o Concello non estaba disposto a asumir determinados importes polo solar e que o que se fixo agora foi cumprir co mandato do pleno solicitando unha taxación oficial para coñecer o seu valor real.

A voceira do goberno municipal insistiu en que o obxectivo da operación non era outro que poñer os terreos a disposición da Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública en réxime de alugueiro. López Couto subliñou que a competencia en materia de vivenda corresponde en exclusiva á Administración autonómica, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía de Galicia. Lembrou tamén que os últimos pisos de protección oficial entregados en Foz datan do ano 2005, durante a etapa do bipartito, hai xa máis de dúas décadas.

Segundo indicou, a demanda de vivenda pública por parte da veciñanza é evidente, pero tanto o voceiro da oposición no Concello como a conselleira competente negaron esa posibilidade nos seus respectivos ámbitos institucionais. “A hemeroteca e a realidade son teimosas e non se poden modificar”, afirmou, engadindo que quen queira buscar responsables debe asumir as súas propias decisións.

López Couto criticou duramente o que considera unha estratexia baseada na confrontación política sen achegar solucións reais. Ao seu xuízo, se a oposición quere contribuír a mellorar a situación da vivenda en Foz debería traballar para que o seu partido na Xunta impulse a construción de vivenda pública, contando coa colaboración municipal para localizar e facilitar os terreos necesarios. “Todo o demais non é máis que liorta política e ruído estéril”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.075454950332642