O goberno de Barreiros diríxese ao Estado para buscar axudas e construír unha Edar en San Miguel

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Aug 2019

O goberno municipal de Barreiros vén de dirixirse ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao Secretario de Estado de Medio Ambiente para solicitar unha reunión para trasladarlle a necesidade de colaboración entre administracións para tratar de solucionar un problema moi importante que leva anos existindo e que empeora co tempo como é a depuración de augas residuais que se leva a cabo nas zonas de San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.

A carta asinada pola alcaldesa, Ana Ermida, e a segunda tenente da alcaldía, Carmen Veiga, expón que “este problema, que se coñece e se ten determinado hai anos, podería solucionarse coa construción dunha nova estación depuradora en San Miguel que daría solución a ambas parroquias; tal e como se contempla no proxecto elaborado por Augas de Galicia. Dito proxecto, que este goberno considera fundamental executar, está orzamentado en máis de 3.300.000 euros; cantidade imposible de afrontar para esta administración local. 

Segundo sinalan desde o goberno “a localización dos puntos de vertedura actuais son en zonas moi próximas á praia, mesmo a lugares tan emblemáticos como a praias de Augas Santas/ As Catedrais, e mesmo en Rede Natura, o que supón uns impactos tanto ambiental como turístico negativos; a maiores dos evidentes de saúde pública que se detectan nas analíticas realizadas pola administración competente.”

As representantes do goberno municipal expoñen ao Ministerio que dada a urxencia da solución, consideran necesario poñelo en coñecemento da administración estatal, entendendo que o propio Estado español ten interese en que devanditos problemas poidan solucionarse no menor tempo posible e, dese modo, evitar unha deterioración maior da nosa costa e do propio medio ambiente. 

Esta cuestión foi tamén trasladada polo goberno municipal á Xunta de Galicia a pasada semana, solicitando igualmente unha reunión con distintas Consellerías coa intención de “poñer en marcha vías de colaboración para buscar unha solución efectiva a un problema que se arrastra desde hai anos.”

A alcaldesa barreirense agarda que a proposta sexa tida en conta e se poida iniciar unha vía de colaboración que redunde no beneficio das veciñas e veciños de Barreiros e manifesta a “esperanza de que os intereses xerais das veciñas e veciños estean por riba de todo e todas as administracións se impliquen en facer posible a solución.”

Desde o executivo local afirman que a súa disposición é “petar en todas as portas que fagan falta. Porque cando existe un problema hai que afrontalo e tratar de poñerlle solución. Temos claro que a xente nos escolleu para gobernar e faremos todas as xestións que estean nas nosas mans para acadar o resultado final esperado.”

Os resultados recibidos polo Concello de Barreiros a respecto das novas mostras de augas de baño na praia de Arealonga seguen arroxando valores de contaminación microbiolóxica por riba dos normais, polo que a administración local mantén a recomendación de non bañarse en dito areal ata que os resultados das analíticas sexan normais. 

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17021989822388