O Goberno concede axudas para dixitalizar a flota pesqueira galega
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou da resolución das axudas á dixitalización do sector pesqueiro con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que benefician a Galicia con 979.045 euros en 21 subvencións. “Armadores e asociacions produtoras galegas adxudicanse un tercio do total das axudas que se resolveron nesta convocatoria a nivel nacional, o que nos achega o interese do sector pesqueiro galego neste proceso de modernización e dixitalización”, indicou.
A dixitalización do sector pesqueiro extractivo, acuícola, comercializador e transformador é unha das medidas estratéxicas de actuación contempladas no compoñente 3 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que está adicado á transformación ambiental e dixital do sistema agroalimentario e pesqueiro.
Este compoñente é xestionado polo Ministerio de Agricultura, que convocou as axudas correspondentes ao mesmo o pasado mes de outubro, cun orzamento de 3,8 millóns de euros en dúas liñas.
AXUDAS CONCEDIDAS EN GALICIA
A primeira das liñas de axudas estaba dirixida á adquisición e instalación, por primeira vez, de Sistemas de Seguimento Electrónico Remoto (REM) para o control de desembarque. En total, o Ministerio concedeu 17 axudas en Galicia para barcos de más de 24 metros de eslora con base na Guarda, Burela, Ribeira, Vigo e San Cibrao. Cada armador percibirá unha axuda que oscila entre 13.000 e 15.000 euros para costear a compra e instalación deste dispositivo. O total ascende a 241.613,76 euros.
A segunda liña estaba dirixida a subvencionar proxectos de mellora de comunicacións, dixitalización do sector extractivo, acuícola, comercializador, transformador. Os potenciais beneficiarios eran as asociacións do sector extractivo, acuícola, comercializador e transformador e organizacións de produtores, sempre que puxeran os proxectos ao dispor de todos os seus asociados.
Nesta liña, o Ministerio concedeu catro axudas en Galicia por un importe global de 737.429,63 euros: a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo percibe 126.140,48 euros; a Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín percibe 218.948,83 euros; a Organización de Productores de Palangreros Guardeses recibe 261.790,41 euros e a Organización de Productores Pesqueiros da provincia de Lugo percibe 130.549,91 euros. Nestas axudas a execución do proxecto de dixitalización pode extenderse ata 2023.