O Goberno central inviste máis de 6 millóns de euros na conservación e mellora do litoral da Mariña lucense

AMariñaXa
O delegado Pedro Blanco visitou Ribadeo para supervisar o novo miradoiro das Carrallas e a senda peonil das Aceas, exemplos da aposta pola sustentabilidade e o respecto ambiental
Ribadeo-obras-2025-novo-Miradoiro-das-Carrallas
28 Oct 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou en Ribadeo “o esforzo continuado do Goberno central no litoral lucense”, que nos últimos anos supuxo máis de 6 millóns de euros en proxectos destinados á conservación, recuperación ambiental e mellora da servidume de tránsito nas infraestruturas costeiras da Mariña. “Trátase de preservar un dos nosos maiores tesouros: a costa galega”, subliñou.

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil; e membros da corporación municipal, Blanco desprazouse ata o novo Miradoiro das Carrallas e ata a senda peonil das Aceas, que se executa dende o verán a través do Servizo Provincial de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

“Estas actuacións, cun investimento conxunto de preto de 700.000 euros, están orientadas a poñer en valor o noso litoral e garantir a súa conservación para as xeracións futuras”, explicou o delegado, quen puxo en valor a sensibilidade do Executivo “coa provincia, coa protección do medio mariño e co patrimonio natural”. Segundo dixo, todas as intervencións realízanse con respecto pola contorna e coa vontade de recuperar espazos para o uso público, combinando desenvolvemento e sustentabilidade.

Durante a visita, Pedro Blanco referiuse tamén á licitación doutra actuación clave para o municipio e a comarca: a mellora e renovación da traída de auga de Ribadeo, cun investimento superior aos 7,4 millóns de euros, cofinanciado con fondos europeos FEDER. “É unha mostra máis do compromiso do Goberno coa transformación dos municipios galegos a través da modernización das súas infraestruturas”, afirmou.

“Investimos no territorio, melloramos a calidade de vida da cidadanía e facémolo sempre con respecto pola paisaxe e polo medio natural. Iso é o que estamos a facer en Ribadeo e en toda a costa lucense, e ese é o camiño que imos seguir”, salientou o delegado do Goberno.

O Miradoiro das Carrallas, recentemente finalizado, foi deseñado con materiais respectuosos coa contorna e integrados nun espazo pertencente á Rede Natura 2000. A actuación, que contou cun orzamento de preto de 37.000 euros, completou o paseo que une o núcleo urbano co faro da Illa Pancha. “Hoxe este itinerario é un dos principais atractivos paisaxísticos de Ribadeo, un referente de turismo sostible e de calidade”, destacou Blanco.

Pola súa parte, a nova senda peonil das Aceas, cun investimento de máis de 650.000 euros, continúa en execución. O proxecto permitirá conectar a contorna das Aceas coa antiga vía do tren mineiro, convertendo este percorrido de 920 metros nunha auténtica vía verde ao servizo da veciñanza e das persoas visitantes. A senda inclúe un observatorio de aves e zonas de descanso, contribuíndo á recuperación ambiental da enseada da Vilavella e á posta en valor da riqueza natural da zona.

⚙ Configurar cookies
0.14141297340393