O Goberno central comprométese a rehabilitar o cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro

AMariñaXa
As obras realizaranse con cargo ao gasto descentralizado da Comandancia de Lugo
cuartel-garda-civil-valadouro
19 Mar 2025

O Goberno central comprométese oficialmente a realizar as obras de reparación e rehabilitación necesarias no cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro, segundo se recolle nun documento oficial.

Así o confirmou o Executivo en resposta ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense –José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano–, quen trasladaron a petición do alcalde do municipio, José Manuel Lamela. Ademais, o Goberno especifica que as actuacións serán financiadas a través do gasto descentralizado da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

O senador José Manuel Balseiro lembrou que a situación actual das instalacións "non é óptima nin para que os axentes poidan prestar servizo en boas condicións nin para residir nelas", polo que esixe unha actuación urxente. Entre as melloras necesarias, destacou o illamento térmico, o pintado e a redistribución dos espazos para potenciar a comodidade e funcionalidade do cuartel.

Os senadores populares trasladaron ao Executivo o acordo unánime do pleno municipal de Ferreira do Valadouro, no que se instaba ao Ministerio do Interior a acometer a reforma do cuartel. Con esta resposta, o Goberno recoñece a necesidade da intervención e abre a porta ao inicio das obras.

⚙ Configurar cookies
0.56505084037781