O Goberno central avanza na protección da costa da Mariña con investimentos en Barreiros

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou esta mañá en Barreiros o compromiso do Executivo central coa Mariña Lucense, “cunha planificación seria, investimentos concretos e plena defensa do litoral fronte aos efectos do cambio climático”. Blanco supervisou as obras de mellora na praia de Altar e avanzou as próximas actuacións no paseo de San Bartolo, acompañado pola alcaldesa, Ana Ermida; a segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga; e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Carlos Gil.
No paseo de San Bartolo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico redactou un proxecto para contrarrestar desprendementos, cun investimento superior a 325.000 euros. As actuacións inclúen a creación dunha nova senda litoral, espazos verdes rexenerados, bancos de madeira e miradoiros, reconstrución de áreas de descanso, nova iluminación e paneis informativos sobre os valores naturais e culturais da contorna. O proxecto está en información pública ata o 6 de decembro e respecta totalmente os criterios de sustentabilidade de Rede Natura 2000.
En paralelo, o Goberno destina 60.000 euros á primeira fase de reparación do dique da praia de Altar, unha zona con risco para os usuarios. A actuación garantirá maior protección para os bañistas e estabilidade costeira, mantendo a sustentabilidade ambiental e mellorando as instalacións dunha das praias máis concurridas da Mariña durante o verán.