O Goberno burelés destaca a traxectoria da frautista Ópera de Hannover, Silvia Rozas
O Concello de Burela recibiu na Casa do Concello de Burela a Silvia Rozas Ramallal, natural do municipio e actual frautista principal da Ópera de Hannover, contando cunha destacada traxectoria musical a pesar da súa xuventude.
Dende o Concello destacan o “orgullo que supón que Silvia dese os seus primeiros pasos musicais na Escola de Música de Burela, da que pasou ós conservatorios de Vilalba e Viveiro para logo seguir coa súa preparación na Coruña, de onde deu o salto cara Alemania, primeiro en Berlín e agora en Hannover”.
Ademais de ter participado en prestixiosos certames internacionais, foi membro da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Xove Orquestra da Unión Europea e da Ópera de Berlín.
Tanto a alcaldesa, Carmela López, como o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, e a concelleira de Cultura, Lina Gómez, mantiveron unha distendida conversa con Silvia, na que a intérprete lles trasladou “o bo ambiente no que traballo, coñecer persoas de diferentes culturas e as viaxes son o que mais valoro da música”.
Segundo Carmela López, “aproveitamos este encontro para facerlle un recoñecemento público pola súa gran carreira e para propoñerlle unha colaboración que agardemos sexa produtiva coa nosa Escola de Música, da que a propia Silvia Rozas foi alumna e á que temos intención de dar un forte impulso”.
Pillado sinalou que “a experiencia de Silvia pode ser moi positiva para os usuarios e as usuarias da nosa Escola, así como tamén para animar a outros nenos e nenas a que comecen a súa relación coa música, non só para marcarse as metas que acadou a propia artista senón para valorar todas as vantaxes que a música pode ofrecer”.
Finalmente, tanto os membros do goberno local como a virtuosa burelá se emprazaron a unha nova visita desta última para concretar máis a colaboración que se propuxo.