O GDR Terras de Miranda e A Sucadoira desenvolven un proxecto sobre produtos locais ribadenses

AMariñaXa
Un proxecto piloto de valorización, promoción e distribución de produtos locais da horta en Ribadeo chega a través do GDR Terras de Miranda
horta horto alimentos vexetais
3 Xan 2022

Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, impulsou a colaboración entre o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda e a asociación A Sucadoira para levar a cabo diferentes accións dirixidas á posta en valor dos produtos da horta e o recoñecemento dos produtores locais.

Así, esta colaboración materializouse nun proxecto piloto xestionado polo propio grupo de desenvolvemento local que conta cun orzamento de case 5.000 euros para a posta en marcha de accións de sensibilización, promoción e difusión dos produtores locais de horta, co fin último de reforzar a súa situación dentro do sector primario da zona.

Neste senso, estase a realizar un estudo e análise sobre a produción que mobiliza dita asociación indicando os produtores e as súas tipoloxías, a produción total anual, a clasificación por produtos e os excedentes dispoñibles, entre outros datos. Ademais, tamén se analizará a identificación de posibles beneficiarios e as súas necesidades en canto ao subministro e distribución en mercados locais, centros educativos e sociais, ou colectivos máis vulnerables da vila de Ribadeo.

Seguidamente, levaranse a cabo seminarios e xornadas de sensibilización, obradoiros de cociña e recreacións de mercados con produtos de proximidade, poñendo de manifesto a importancia do etiquetado, a orixe e a trazabilidade dos produtos, ademais do coñecemento dos procesos de produción, distribución, comercialización e envasado. Así mesmo, durante estas xornadas informarase dos beneficios que teñen para a saúde o consumo de produtos naturais, sostibles e ecolóxicos, centrándose na promoción dos produtos de proximidade no marco da Estratexia da Granxa á Mesa.

0.11078405380249