O fútbol comarcal dáse cita no VIII Torneo Maruxaina no campo da Veiga

AMariñaXa
O CD San Ciprián organiza unha nova edición do torneo con catro equipos destacados e formato eliminatorio, dentro da programación da Festa da Maruxaina
Cervo-presentacion-torneo-maruxaina-2025-futbol
1 Aug 2025

O Campo Municipal da Veiga, en San Cibrao, acollerá o vindeiro xoves 7 de agosto unha nova edición do xa consolidado Torneo Maruxaina, que este ano celebra a súa oitava convocatoria. A cita reunirá a catro equipos representativos da comarca nunha tarde chea de emoción e paixón polo fútbol, enmarcada dentro das actividades deportivas da Festa da Maruxaina, un dos acontecementos máis sinalados do verán cervense.

O torneo foi presentado nas instalacións da Veiga pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo presidente do club organizador, Eduardo Rubal, e polo director deportivo, Félix Martins. A organización corre a cargo do CD San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.

Nesta edición tomarán parte catro equipos representativos da Mariña lucense: o CD San Ciprián, que milita na Segunda Galicia (FUTGAL); a UD Xove Lago e o CD Foz, ambos na Primeira Galicia (FUTGAL); e a SD Burela, que compite na Preferente Galicia. Todos eles achegarán intensidade e rivalidade deportiva a unha xornada pensada para gozar do fútbol comarcal en pleno verán cervense.

A competición desenvolverase en formato eliminatorio, cun primeiro duelo entre o CD San Ciprián e a UD Xove Lago ás 18:00 horas, seguido da segunda semifinal entre o CD Foz e a SD Burela ás 19:00 horas. A disputa polo terceiro e cuarto posto será ás 20:00 horas, e a gran final arrancará ás 21:00 horas, pechando unha xornada que promete intensidade e espectáculo.

Dende o Concello de Cervo fan un chamamento á veciñanza e ás persoas que visiten a localidade durante esas datas para que se acheguen ao campo da Veiga a gozar do deporte local, compartir unha tarde de convivencia e reforzar o apoio ao tecido asociativo do municipio. O VIII Torneo Maruxaina busca así manter viva a paixón polo fútbol e consolidarse como un referente dentro do verán deportivo da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.36835622787476