O fútbol base volve encher Ribadeo: arrinca o XVI Torneo Infantil con 44 equipos e 750 xogadores

AMariñaXa
A cita, que se prolongará ata o domingo, atraerá equipos de Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e mesmo do Reino Unido, cun forte impacto turístico e económico na vila
Ribadeo-presentacion-torneo-SD-Ribadeo-2025
12 Jun 2025

Ribadeo convértese esta fin de semana no epicentro do fútbol base coa celebración da décimo sexta edición do Torneo Infantil organizado pola SD Ribadeo. O evento, que arrinca mañá venres e se prolongará ata o domingo, reunirá na vila a 44 equipos e preto de 750 xogadores e xogadoras, acompañados polos seus monitores e numerosas familias.

Na presentación oficial do torneo participaron representantes da organización, das institucións e do tecido empresarial local. Estiveron presentes o presidente da SD Ribadeo, Óscar Otero; o coordinador de Fútbol 8 do club, Aitor García; a presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o alcalde ribadense, Dani Vega; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

Desde a SD Ribadeo destacaron a dimensión e diversidade da convocatoria: “Imos contar con 44 equipos, un deles procedente do Reino Unido, e outros chegados de distintas comunidades como Cantabria, Castela e León, Asturias e, por suposto, Galicia. A maior parte das delegacións estarán xa en Ribadeo este venres, o que supón un importante influxo de visitantes”.

Os encontros celebraranse en varios campos da zona: o estadio municipal Pepe Barrera en Ribadeo, o Campo do Outeiro na Devesa, o Campo de As Valgas en San Miguel de Reinante e o Campo Trenor en Barres, na veciña Asturias. Esta repartición permite acoller todos os partidos cunha infraestrutura á altura do evento.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, puxo en valor o traballo da SD Ribadeo e o impacto positivo destas citas: “Con este torneo péchase un ciclo de fins de semana cheas de deporte e de visitantes. A presenza de tantos nenos e nenas, acompañados polas súas familias, dinamiza a vila. Agardamos que gocen do deporte e dos seus valores, que descubran Ribadeo, que lles guste e que regresen noutras épocas do ano”.

Pola súa parte, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, salientou o papel dinamizador do evento: “Estas iniciativas que unen deporte e turismo supoñen un impulso importante para o sector económico local. Son datas clave para a hostalería, para os establecementos hoteleiros e para o comercio, especialmente agora, nos días previos á tempada alta”.

Con todo preparado para o comezo, Ribadeo prepárase para acoller unha fin de semana intensa, onde o deporte base será protagonista absoluto, fomentando o compañeirismo, a convivencia e o coñecemento dun destino que aposta por eventos con proxección e retorno para toda a comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.13850688934326