O Fuciño do Porco reabre con acceso regulado para garantir a seguridade

Despois de varios meses pechado por mor dos desprendementos que afectaban á seguridade do percorrido, o sendeiro de O Fuciño do Porco, un dos enclaves naturais máis visitados da Mariña lucense, reabre ao público. A reapertura vén acompañada dun sistema de acceso regulado que busca compatibilizar a conservación deste espazo singular coa elevada demanda turística que recibe, especialmente durante o verán.
A partir de agora, será obrigatorio reservar con antelación a través da web oficial de Punta Fuciño do Porco, onde as persoas interesadas poderán consultar os horarios dispoñibles e seleccionar o tramo que mellor se adapte ás súas necesidades. O tempo máximo de estancia será de 45 minutos por persoa, e o sendeiro permanecerá aberto de xeito continuo entre as 09:00 e as 21:00 horas.
A medida, impulsada polo Concello do Vicedo, responde á necesidade de garantir a seguridade das persoas visitantes e, ao mesmo tempo, evitar a masificación que viña poñendo en risco o equilibrio ambiental da zona. O Fuciño do Porco é coñecido pola súa espectacular pasarela de madeira suspendida sobre os cantís, dende a que se gozan impresionantes vistas da costa lucense.
Desde o goberno local fan un chamamento á responsabilidade cidadá para respectar os horarios asignados, os accesos habilitados e as indicacións do persoal encargado da xestión do espazo. “Queremos que esta marabilla natural siga podendo ser desfrutada por milleiros de persoas, pero sempre dende o respecto e a protección do medio”, sinalan fontes municipais.