O Fuciño do Porco avanza cara á súa remodelación

O emblemático Fuciño do Porco, un dos lugares máis visitados da Mariña lucense, podería dar un paso decisivo cara á súa remodelación nas próximas semanas. O Concello do Vicedo espera dispoñer a finais de abril dun anteproxecto ou memoria que permita solicitar as autorizacións necesarias para levar a cabo as obras de mellora e conservación deste enclave natural.
O alcalde do municipio, Jesús Novo, explicou que o proceso administrativo será longo, xa que "obter os permisos pertinentes levará arredor de dous meses, aos que hai que sumar outros dous para a redacción do proxecto definitivo, e posteriormente, os tempos de licitación e adxudicación da obra". Por este motivo, prevese que os traballos non poidan comezar ata despois do verán.
Unha vez dispoña da memoria técnica do proxecto, o Concello terá que solicitar autorizacións á Consellería de Medio Ambiente, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural—debido á existencia dun antigo castro no istmo—e a Costas. Ademais, o rexedor avanzou que manterá reunións con distintas administracións para explorar posibles vías de financiamento, xa que o custo total da actuación ascende a un millón de euros.
Esta intervención busca mellorar a accesibilidade e garantir a conservación dun espazo natural que cada ano recibe miles de visitantes, consolidándose como un dos principais atractivos turísticos da zona.
