O Forte de San Damián convértese en escaparate dos oficios artesanais da Mariña

AMariñaXa
A celebración dos Días Europeos da Artesanía en Ribadeo reúne obradoiros e demostracións para divulgar técnicas tradicionais e poñer en valor o traballo do sector
RIBADEO artesanía
9 Apr 2026

O Forte de San Damián acolleu unha xornada dedicada á divulgación e promoción dos oficios artesanais no marco dos Días Europeos da Artesanía, cun programa que reuniu propostas arredor do coiro, a cerámica, a madeira, o tecido e a creación de monicreques.

A iniciativa foi impulsada pola Asociación de Obradoiros Artesáns da Mariña de Lugo e polo Concello de Ribadeo, co apoio da Xunta de Galicia. Ata alí desprazouse o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que visitou unha actividade concibida para achegar o público ao traballo artesán e destacar a riqueza dun sector vencellado á tradición, á creatividade e ao territorio.

A programación da mañá incluíu un obradoiro de iniciación aos encaixes de madeira con Madeira a Man, un taller de iniciación ao Kintsugi con Maica Juncal, de Artesanía do Pasatempo, unha actividade de elaboración de pratos de cerámica con impresión natural con Lucía Barro e outra de creación de chaveiros á man con Péndulo.

Xa pola tarde, o programa completouse con novas propostas centradas na experimentación e na aprendizaxe. Entre elas figuraron un obradoiro de decoración de cerámica con engobes e esgrafiado con Lucía Catuxo, unha sesión de iniciación á marroquinería con Raíces Nómadas, un taller de elaboración de monicreques de cartón con Ton Arenas, de Micromina, e a actividade 'Da ovella á madeixa', con Miratú.

A xornada incluíu ademais un obradoiro de iniciación ao torno oleiro con Marcelo Scapinachis, de Esquina Atlántica, outro de elaboración de flores de coiro con María Jul e unha proposta de modelado en cerámica do rostro humano con Chus Lage.

Os Días Europeos da Artesanía constitúen unha cita anual que busca visibilizar a singularidade dos oficios artesanais a través de actividades abertas ao público. Nesta edición, celebrada baixo o lema 'Co corazón no oficio', a Fundación Artesanía de Galicia apoia en toda a comunidade unha vintena de iniciativas que suman 110 actividades entre obradoiros de iniciación, demostracións, charlas e xornadas de portas abertas.

0.11542892456055