O Foro Social da Mariña organiza unha conferencia sobre a República e o golpe de 1936 na comarca

Este venres, 21 de febreiro, o Foro Social da Mariña organiza unha conferencia-coloquio titulada “Da República ao golpe de 1936” (A Mariña, Viveiro e comarca), que será impartida por Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro. A conferencia abordará os grandes cambios e transformacións producidos pola proclamación da República na bisbarra, así como a caída do réxime monárquico da Restauración e o inicio dun tempo de grandes avances legislativos nos eidos cívico, social e educativo.
Novo Cal falará sobre como estes avances promoveron unha sociedade moderna, pluralista e democrática, que fomentou o auxe do asociacionismo, tanto a nivel sindical (agrario, mariñeiro e obreiro) como nos ámbitos políticos, culturais e recreativos. A charla tamén tratará de como esta sociedade democrática e participativa foi interrompida a partir de xullo de 1936 debido ao golpe militar, á guerra e á feroz represión que resultou nunha importante regresión nas conquistas sociais e nas liberdades individuais.
A conferencia incluirá unha comparativa entre as principais poboacións da Mariña e os seus ámbitos de influencia: Viveiro, Mondoñedo, Ribadeo e A Pontenova. Tamén se salientarán os perfís socio-políticos de moitas das vítimas da represión na Mariña e as distintas formas de violencia exercidas durante ese período.
O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Usos Múltiples do Concello de Viveiro. A entrada será libre e gratuíta até completar aforo.