O Foro Social da Mariña organiza a conferencia 'Tecedoras de memoria' en San Cibrao

AMariñaXa
As historiadoras Uxía Otero e Conchi López afondarán na recuperación das vítimas do franquismo en Galicia a través da memoria sartoria
tecedoras-da-memoria-foro-social-mariña
11 Feb 2025

O Foro Social da Mariña organiza este vindeiro venres, 14 de febreiro, con unha conferencia – coloquio no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao ás 19:30 horas , co título de “Tecedoras de memoria” ( Desenterrando historias nas fosas franquistas de Galicia), na que falarán as doutoras en Historia Uxía Otero González e Conchi López Sánchez:

“ No marco do Plan de Memoria Democrática (2021-2024), un equipo transdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela traballa na recuperación das vítimas do franquismo en Galicia. Desde a Historia, a Arqueoloxía, a Antropoloxía Forense e a Xenética, escavamos fosas, identificamos restos, tecemos historias de vida e sinalamos lugares de memoria. Como historiadoras do grupo de investigación HISTAGRA, queremos compartir o noso método científico e as fontes das que bebemos, facendo fincapé na transcendencia das testemuñas orais e poñendo o foco nas pegadas sartoriais, é dicir, restos materiais vencellados á vestimenta.

Que nos contan as solas de zapatos, as fibelas ou os botóns? Como nos axudan a comprender o impacto da violencia, as diferenzas de xénero, as distincións de clase ou a relixiosidade?

Nesta palestra tiraremos do fío das «memorias sartoriais» para achegarnos, de maneira próxima e corpórea, a un pasado incómodo, doloroso e sanguento, do que inda queda moito por investigar e divulgar”.

 

0.17174911499023