O Foro Social da Mariña analiza en Burela a situación da dependencia en Galicia

O Foro Social da Mariña organiza este venres, 6 de marzo, unha conferencia-coloquio centrada na realidade da dependencia e da discapacidade en Galicia. A cita terá lugar ás 20:00 horas na sala de conferencias da antiga biblioteca de Burela e contará coa intervención de Francisco L. Vázquez Vizoso, epidemiólogo e especialista en medicina preventiva, ex-xefe do servizo desta área no complexo hospitalario de Pontevedra e membro do grupo promotor da Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade.
Baixo o título “Dependencia e Discapacidade: Problemas e Propostas”, a sesión pretende ofrecer unha análise crítica da evolución recente do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia en Galicia. Segundo os datos correspondentes ao exercicio 2025, estariase a producir unha diminución nas prestacións de servizos considerados esenciais, como a atención no fogar, os centros de día ou os programas de prevención e promoción da autonomía persoal.
O relator exporá tamén as cifras que apuntan a un importante déficit de prazas residenciais na comunidade, estimado en máis de once mil para o ano 2024, unha carencia que repercute directamente nas familias que precisan recursos públicos para atender situacións de dependencia. Desde a organización sinalan que esta realidade se insire nun contexto de contención do gasto que, ao seu xuízo, afecta á calidade dos coidados e reforza dinámicas de desigualdade.
Entre os aspectos que se abordarán figura tamén o peso crecente dos coidados informais fronte aos profesionais, unha tendencia que, segundo o Foro Social, contribúe a perpetuar a fenda de xénero ao recaer maioritariamente nas mulleres a responsabilidade do coidado.
A conferencia pretende abrir un espazo de reflexión colectiva sobre o modelo actual e explorar alternativas que garantan unha atención digna e accesible. Desde o colectivo organizador subliñan que, para unha parte importante da poboación, acceder a unha praza pública continúa a ser complexo e, en moitos casos, economicamente inasumible, especialmente nos servizos de atención no fogar, centros de día e residencias.