O foro de automoción de Ribadeo lembrará a Eduardo Barreiros, o Henry Ford español
O acto de presentación do VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que tivo lugar nas instalacións do hotel O Cabazo, rematou cun ágape no xardín deste establecemento. Alí departiron todos os asistentes, entre os que se atopaban profesores, empresarios e tamén representantes políticos. O foro, que comezará o día 27, lembrará a figura de Eduardo Barreiros, o denominado Henry Ford español.
Antes no acto de presentación do evento interveu a subdelegada territorial da Xunta, Marta Barreiro, que sinalou: “penso que para Ribadeo é un privilexio contar con este foro posto que é unha cidade referente en moitos ámbitos, e entre eses ámbitos está a formación na automoción, na electromecánica e no mantemento de vehículos”.
Barreiro subliñou que “a Xunta de Galicia este ano quixo colaborar dun xeito especial cedendo a Apaga as instalacións do Centro de Capacitación Agroforestal Pedro Murias. Creo ademais que se está facendo un gran esforzo por parte da organización para levar con éxito esta actividade que aglutina a profesionais da automoción de primeira liña. Gustaríame destacar actuacións da Xunta de Galicia relacionados co ensino. En primeiro lugar, a aposta pola formación profesional dual, que é unha formación mixta entre os centros de ensino e as empresas. Neste senso a Xunta de Galicia incrementou case nun 60% os ciclos formativos de formación profesional dual e son 73 os proxectos que se van poñer andar este ano. En concreto aquí en Ribadeo son tres os ciclos medios de formación profesional que son a carrocería, a construción e atención a persoas dependentes. Agardamos que estes ciclos sexan todo un éxito e que se poidan ampliar no futuro”.
O responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, dixo que “nesta provincia estase a traballar neste sector da automoción tanto dende o punto de vista educativo como dende outros ámbitos. Estase a converter nun piar fundamental de desenvolvemento e de futuro no marco da nosa provincia e a Deputación de Lugo non podía permanecer allea a este tipo de iniciativas, que ao final non só sitúan no mapa a un Concello de tal relevancia como Ribadeo senón que tamén teñen a capacidade de ubicar a provincia”. Rivera engadiu que “todo este tipo de actividades serven, non soamente dende o punto de vista da divulgación senón tamén dende o ámbito turístico e gastronómico porque supoñen situar durante uns días a Ribadeo como elemento crucial da automoción. Así que na Deputación de Lugo todo este tipo de accións son ben acollidas, porque durante este mandato o noso obxectivo vai estar na promoción económica e sobre todo daqueles sectores de futuro. Quero agradecer a todos a invitación e animar a profesores, alumnos de FP, estudantes e a aqueles curiosos que se sintan atraídos pola automoción a participar neste foro que está cheo de talleres e no que se darán a coñecer todos os avances tecnolóxicos. Paréceme interesante non só polo feito de falar de automoción senón por falar do futuro e do avance do sector que é o elemento diferenciador e o valor engadido deste foro.”
Para Alfredo Llano, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, “Apaga está facendo unha gran labor para a difusión e formación dunha profesión que agora mesmo está nunha crise que coincide con outras crises na industria e no medio ambiente. Polo tanto non soamente teñen que estar os profesionais atentos ao que sucede coa automoción senón que temos que estalo todos. Paréceme tamén interesantísimo que, agora que está moita xente de vacacións, sexa unha alternativa para A Mariña e para Ribadeo posto que a formación forma parte dun atractivo máis para a comarca. Como profesor creo que Álvaro Doural estanos dando unha lección clara, que non soamente debera ser na automoción senón que moitas outras ramas tiñan que estar explicando que é hoxe a formación profesional, que penso que é fundamental na vida laboral deste país. Apoiamos que se celebre na zona da Mancomunidade e concretamente en Ribadeo”. Llano amosouse sorprendido “da cantidade de xente que vai vir este ano ao foro e penso que iso é moi bo porque demostra que hai interese”.
A alcaldesa en funcións de Ribadeo, Mariluz Álvarez, manifestou: “alégrome moito tamén que as instalacións do centro Pedro Murias se abran e que se poidan utilizar cada vez máis e teñan unha perspectiva de futuro e de dinamizalas cada vez máis, posto que as instalacións son fabulosas e é unha mágoa que non se lle dera unha utilidade e que non se puideran utilizar cotidianamente, entón quero dicir que noraboa por esa iniciativa, que de seguro que a partir de agora se vai seguir utilizando cara a outras iniciativas”. Álvarez Lastra dixo que “este foro ten de bo que na época estival teñamos eses referentes cun programa moi amplo, cunha grande cantidade de poñentes e talleres prácticos que axudan á formación e que é unha alternativa ao que no período estival estamos acostumados a facer que son festas e actividades culturais e lúdicas pero non a nivel educativo, eu creo que iso é un punto moi importante que debemos sinalar. Non soamente por ser en Ribadeo, do cal nosoutros como Concello estamos moi orgullosos polas potencialidades que ten e polo que supón que a xente a nivel turístico veña aquí, senón porque todos eses programas europeos que o profesorado coa súa dedicación fai, conseguen que as persoas que estean aquí transmitan e leven a imaxe de Ribadeo cara fora co cal estamos proxectándonos ao exterior e creo que iso é fundamental e moi importante”.
E o presidente de Apaga, Álvaro Doural, referiuse á alta participación que se rexistrará a vindeira semana no VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículo e tamén á importancia da FP Dual: “a día de hoxe seguen chegando solicitudes e de momento estamos colléndoas todas aínda que fai xa vinte días que rematou o prazo. Ata hoxe hai sobre 85 participantes e moitos deles van poder durmir estes días nas instalacións da Escola Pedro Murias, grazas a iso creo que ven dado o aumento de participación e por contar tamén coa homologación da Consellería de Educación. Eu estou moi orgulloso da nosa dimensión europea e neste momento o foro é unha actividade importante nosa, pero hoxe en día o noso buque insignia é o programa Erasmus. Actualmente estamos en 22 países da Unión Europea con distinto tipo de relacións, estes días hai unha estudante italiana facendo prácticas aquí neste hotel e dentro duns días imos recibir a outros rapaces de Lituania e de Italia. Ademais temos catro proxectos en marcha, a verdade é que este ano foi moi bo para nós porque practicamente todo o que presentamos se nos aprobou e case sen recortes presupuestarios”.
Para Doural “este Fórum ven facer unha pequena achega á necesidade de formación que hai, o sector necesita moita xente e non hai xente para poder incorporala á oferta de traballo. Aí está a formación profesional dual que hoxe estou convencido de que o futuro vai pasar por ela, se non conseguimos un achegamento entre os sectores produtivos e os centros de ensino imos pasalo mal todos. Eu auguro que algún centro vaino pasar mal, con posibilidades de pechar, e os sectores produtivos pola necesidade de xente ao peor teñen que cambiar de ubicación. Para evitar iso creo que temos que poñernos a traballar, sentarnos, falar e intentar resolver este tema porque é preocupante. Temos uns centros moi ben dotados, con excelentes profesores, pero non podemos seguir illados, traballando cada un polo seu lado. A formación dual permítenos esa posibilidade, entón creo que é importante tratar de establecer unha relación fluída para solucionar esta situación que se está dando neste momento”.
A oitava edición do Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga), celebrarase en Ribadeo dos días 27 ao 30 de agosto. Será por primeira vez no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias.
Este Fórum, homologado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, está destinado a profesores de Transportes e Mantemento de Vehículos, profesionais do sector do automóbil, alumnos de Formación Profesional e universitarios, ademais de a afeccionados do mundo do motor.
No programa abordaranse temas como a dirección en vehículos con asistencia á condución, as nocións e fundamentos do lubricantes para motor, a organización de talleres, as últimas novidades en transmisións ou a propulsión híbrida eléctrica.
O 29 de agosto, ás 19:30 horas, celebrarase asemblea xeral de Apaga e o día 30 ás 17:00 horas terá lugar a presentación da película 'Eduardo Barreiros, o Henry Ford español', dirixida por Simón Casal de Miguel e protagonizada por Manuel Regueiro, que estarán presentes no acto. Despois haberá unha mesa redonda na que participarán enxeñeiros da factoría Barreiros.