O folclore da cultura, danza e tradición

AMariñaXa
O folkore da cultura, danza e tradiciónBágoas da Terra leva a súa arte polo mundo adiante amosando o seu bo facer
mostra folklorica viveiro
18 Abr 2023

Por Ana Somoza López.

Bágoas da Terra leva a súa arte polo mundo adiante amosando o seu bo facer.

O Grupo de Coros e Danzas Bágoas da Terra naceu no ano 1959 dentro do seno da sección feminina, sendo o pioneiro entre os grupos de danzas da zona da Mariña lucense. Dende entón  actuou en numerosos festivais nacionais e internacionais entre os que cabe destacar o do Mediterráneo de Murcia, Ronda, Burgos, Sevilla, Córdoba, Xibraltar, Xaén, Asturias, Cidade Real, Ibiza, etc. e outros celebrados en Francia, Arxelia, Grecia, Republica Checa, Portugal, Alemaña, Polonia, Italia, Córcega, etc. Tamén  actuou ante SS.MM. os Reis de España e foi elixido para representar a Galicia na EXPO’92 de Sevilla. Así mesmo acumulou numerosos premios e distincións a nivel nacional e internacional, tanto polo seu labor en relación á cultura popular, como pola súa calidade artística.

O seu repertorio está composto por danzas da Mariña , da zona montañosa do interior da provincia e doutras zonas de Galicia. As súas danzas mais representativas son muiñeiras, xotas, pandeiradas, polkas, maneos, etc. que se caracterizan pola viveza do seu ritmo e o brío impartido na súa execución. Conta ademais con coreografías propias e un variado repertorio con multitude de danzas tradicionais,  músicas, coreografías, cantos de cantareiras, etc.

Moitos deles son froito dun traballo de investigación polas bisbarras, aldeas, e diferentes zonas de Galicia, especialmente da montaña lucense. É por iso que os espectadores poden desfrutar de Chovendo en Compostela, Chicharriños, Espantallo, A Coroza, Danza das Cintas de Xerdiz, Un Conto na Fiada, etc. Tamén ten incluído no seu repertorio diferentes coreografías propias, entre as que cabe destacar: Foliada de San Migueliño, la Polka Pasacorredoiras do Choqueiro, Ritmos de Polka,  entre outras. Ademais, inclúe algunha coreografía relacionada con diferentes efemérides, como poden ser o Aniversario de Mozart, ou a Danza do Xacobeo, etc.

Así mesmo contan cun amplo vestiario que da cor e posta en escena a cada unha das súas actuacións. Parte do mesmo foi confeccionado polos propios integrantes do mesmo.

Teñen traxes de montaña como A Coroza, Espantallo, traxes do campo, Traxes de Gala Muradana, traxes de liño, traxes típicos galegos con bordados en azabache, etc. Son moitas as variacións de vestiario que poden facer nas súas actuacións,  dotándoas de gran colorido e dunha escenografía o máis real posible con respecto ao que se quere transmitir en cada baile.

CORPO DE BAILE. O corpo de baile de Bágoas da Terra está formado por un numeroso grupo de xente e nútrese da canteira que ten nos seus grupos infantís. Estes son amantes do folklore e traballan a reo para levar a cabo todas as actividades da asociación ao longo de todo o ano, compaxinando todo esto cos seus traballos ou estudos, especialmente na organización da Mostra Folklórica Internacional.

MOSTRA FOLCLÓRICA. A Mostra Folklórica Internacional, é o acto máis importante que Bágoas da Terra organiza en todo o ano e a primeira edición celebrouse na praza Maior de Viveiro en 1979.

A Mostra, que naceu como Festival de Folclore, é hoxe en día unha mostra de cultura, danza, arte e tradición coñecida en todo o Estado.
Comeza ca Mostra Infantil, continúa co Concerto de música Folk, o Desfile das Nacións, os concertos dos grupos polas prazas e rúas, a Recepción Oficial, O Aquelarre Na Eira das Meigas e a Gran Gala Internacional.

Os grupos participantes mistúranse na vida do pobo, o que fai que a Mostra sexa un intercambio cultural impresionante.

Polo escenario da Mostra Folclórica Internacional que organiza Bágoas da Terra, pasan cada ano grupos, coros e ballets de primeiro nivel que veñen de todo o mundo. O colorido e a fusión cultural asombran aos miles de espectadores que acuden en cada edición a presenciar unha especie de volta o mundo nunhas tres horas de espectáculo.

BELÉN. Todos os anos polo Nadal, o grupo crear na Biblioteca Municipal o seu tradicional belén con movemento. Un nacemento que mantén o seu carácter único coas figuras con movemento elaboradas por Hortensio Gómez e as pinturas, paisaxes e carteis de Esther Raposo. Os personaxes do belén, ademais, visten o traxe tradicional galego.

0.2072639465332