O Festival Lingua Moza enche de música, teatro e reflexión a parroquia do Xestoso

AMariñaXa
A cita celébrase o 9 e 10 de agosto en Cabanas, O Vicedo, co obxectivo de promover a lingua galega entre xeracións e culturas
Vicedo-Museo-identidade-Teatro-das-cortes-1
5 Aug 2025

O Xestoso, na parroquia de Cabanas (O Vicedo), convértese esta fin de semana nun espazo de encontro para quen defende, celebra e promove o galego. Os días 9 e 10 de agosto terá lugar alí o Festival Lingua Moza, unha proposta sociocultural organizada pola Asociación Cultural Volta e Dálle que aposta por dinamizar o rural a través da cultura e a defensa da lingua propia.

O evento celébrase no Teatro das Cortes, un proxecto que busca facer da aldea un escenario para a creación artística, a convivencia e a aprendizaxe. Durante dúas xornadas consecutivas, a veciñanza e visitantes poderán participar en obradoiros, actuacións musicais, contacontos, teatro e mesas de debate, cun marcado carácter interxeracional e inclusivo.

A programación comeza o sábado 9 ás 11.30 coa presentación da "Guía sociolingüística para familias", unha ferramenta elaborada pola Escola Galega Semente de Lugo co fin de axudar ás familias na transmisión do galego no fogar. A seguir, o escritor Séchu Sende impartirá un obradoiro exprés de regueifa para familias. Os contos musicais de Marta Ortiz porán o toque lúdico antes do xantar popular.

Pola tarde, haberá unha mesa redonda sobre “Lingua e infancia”, unha merenda con produtos do rural facilitada pola Deputación de Lugo, o espectáculo Regueifa Tour —que mestura pandeiretas, bases electrónicas e improvisación oral—, e o concerto do músico Paco Nogueiras.

O domingo 10 retoma a actividade ao mediodía co “Diálogo entre culturas”, un encontro multicultural promovido polo Proxecto NEO de Burela, no que participarán representantes de Indonesia, Senegal, Cabo Verde e Galiza, baixo a coordinación de Bernardo Penabade. A tarde incluirá un roteiro teatral protagonizado polo grupo Son D’Aldea, unha nova merenda con produtos de porco celta, e a actuación do escritor e narrador Anxo Moure, cunha proposta titulada “Unha árbore vén vernos”. O broche final poñerao o concerto de Uxía Pedreira.

Desde a organización subliñan que o festival está pensado para todas as idades e conta con espazos seguros para as crianzas. As merendas serán gratuítas para a mocidade asistente e o xantar poderá reservarse con antelación.

O Festival Lingua Moza presenta así unha fin de semana chea de contido, arte e emoción, cunha mensaxe clara: o galego tamén é cousa de xente nova, e o rural é un lugar vivo e creador.

⚙ Configurar cookies
0.19335889816284