O festival Breason volverá en novembro a Mondoñedo con música, artesanía e espírito galego

Mondoñedo volverá vibrar co espírito máis auténtico da música galega o vindeiro 8 de novembro, coa celebración da segunda edición do festival Breason, unha cita que combina sons contemporáneos, tradición e cultura popular. O evento está organizado pola Asociación Cultural Xoldra, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e desenvolverase ao longo de toda a xornada con actividades para todos os públicos.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou este mediodía na presentación do festival e destacou “o compromiso da Deputación con este proxecto impulsado pola mocidade mindoniense, que aposta pola creación cultural en galego e por poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial”. García salientou tamén “a capacidade de Xoldra para facer do Breason algo máis ca un festival musical: unha verdadeira mostra de convivencia, arte e identidade galega”.
A programación incluirá concertos gratuítos na Praza da Catedral a partir das 21.00 horas, cun cartel de luxo no que figuran Biznaga, Grande Amore, 9Louro, Malvela, Señora DJ, Femfarria, María Raxeta e Meniñ@s da Mariña, estes últimos formados polo alumnado da Gaita Escola de Mondoñedo.
O espírito do Breason, con todo, vai máis alá da música. Durante o día celebrarase un roteiro polas rúas históricas de Mondoñedo, con saídas ás 12.00 e ás 17.00 horas, e obradoiros de artesanía no Barrio dos Muíños, nos que o público poderá achegarse a oficios tradicionais como a cantería, os títeres, a cerámica ou a serigrafía. Ademais, non faltará o magosto nin a foliada popular, convertendo o festival nun punto de encontro entre xeracións e expresións culturais.
O Casino de Mondoñedo acollerá tamén unha exposición de ilustracións de artistas galegas, reforzando o carácter multidisciplinar dun evento que medra ano a ano.
Para facilitar a participación, a organización habilitará unha zona de acampada nas instalacións deportivas de Viñas da Veiga, ofrecendo así unha alternativa cómoda para o público que se desprace desde outros puntos da provincia e de Galicia.
O festival Breason consolídase así como un dos encontros culturais máis singulares da Mariña, unha proposta que mestura música, artesanía, patrimonio e lingua galega, e que reflicte o dinamismo dunha mocidade comprometida coa creación e coa identidade do país.